Un total de 10 proxectos, para os que se reparten un total 20.000 euros, estarán residindo durante distintos períodos do ano nas correspondentes cidades galegas que debuxan o mapa do programa Residencias Paraíso, que o Colectivo rpm convocou por terceiro ano consecutivo.
Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de creación arredor de linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar.
O maior valor do programa de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros de arte a facultades ou espazos non convencionais. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, como por exemplo a fase de investigación, a de escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica, así como residencias de carácter técnico.
A selección do grupo de artistas en 2019 tentou acadar un equilibrio xusto entre traxectorias máis consolidadas e o impulso a proxectos máis novos, así como balancear proxectos con distintas linguaxes e campos de actuación, acentuando as fases tanto de investigación como de creación. Polo tanto, segundo os organizadores, estes 10 proxectos seleccionados non se deben ver de xeito individual, senón entendelos como parte dun grupo que pretende unha certa coherencia colectiva.
A selección foi levada a cabo por Sabela Mendoza (investigadora e xestora cultural galega), Roi Fernández (artista transdisciplinar galego) e Laura Kumin (directora da plataforma madrileña Paso a 2), que estiveron acompañadas por Caterina Varela e Félix Fernández, como artistas e socias fundadoras de Colectivo RPM.
Tras a xornada de análise e posta en común dos proxectos presentados á convocatoria de Residencias Paraíso 2019 o xurado decidiu seleccionar de xeito preferente ao seguinte grupo de artistas:
- Berio Molina e Macarena Montesinos co proxecto Manifesto Piqui Piqui, en residencia na Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e cunha contía de 1.700 euros.
- Colectivo LAG (Lara Buyo e Ana Corujo) co proxecto Libertad Condicionada, en residencia no Vello Cárcere de Lugo e cunha contía de 1.500 euros.
- Compañía Elahood (Julia Laport e Sabela Domínguez) co proxecto Análise da feminidade a través do Waacking, en residencia no Auditorio Municipal de Ourense e cunha contía de 1.500 euros.
- Compañía Prácido Domingo (Fran Martínez, Belén Bouzas e Diego M.Buceta) co proxecto Pentecostés, en residencia no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e cunha contía de 2.100 euros.
- Incendiaria (Davide González) co proxecto Microspectivas dun marica millennial, en residencia na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta de Santiago de Compostela e cunha contía de 2.100 euros.
- Matías Daporta co seu proxecto Bailarina Croma Mockup, en residencia no Pazo da Cultura de Carballo e cunha contía de 1.900 euros.
- Manuel Parra / Proxecto Pank con imaxe 5 X 3.5, en residencia no Pazo da Cultura de Narón e cunha contía de 1.900 euros.
- Irene Cantero co proxecto Los años luz, en residencia na Igrexa Santa María da Madalena a través da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e cunha contía de 1.900 euros e aloxamento incluído.
- Antes Collado co proxecto Crisálida, en residencia no Teatro Colón da Coruña e cunha contía de 3.000 euros.
- Túlio Rosa co proxecto Pico y pala: estrategia para los cobardes, en residencia na Fundación Luis Seoane da Coruña e cunha contía de 2.600 euros.