Un nutrido grupo de profesionais da danza pediu explicacións onte, nun comunicado, sobre os recortes reflectidos no proxecto de Orzamentos Xerais para o próximo exercicio que a Xunta de Galicia está a tramitar no Parlamento e sobre o anuncio dun novo Estatuta para Axencia Galega de Industrias Culturais anunciado polo conselleiro Román Rodríguez no Parlamento. | Foto: Manuel Lemos |
Un grupo de profesionais da danza agrupado na denominada Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego lanzou onte un comunicado público de denuncia perante as últimas novas sobre os recortes orzamentarios dun 66% para o CCG nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2020, sobre o anuncio dun novo estatuto para a AGADIC sen participación do sector na súa redacción, así como perante a falta de pronunciamento sobre a futura provisión do posto de dirección do CCG.
O colectivo esixe no seu comunicado
- O recoñecemento da Plataforma de Afectadas polo CCG como interlocutora natural e parte activa no proceso de remodelación técnica que se levará a cabo coa reforma estatutaria da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC);
- O mantemento, dentro da nova estrutura interna da AGADIC, da unidade administrativa “Departamento de Produción Coreográfica” ou dunha área e/ou departamento equivalente que atenda exclusivamente á realidade da Danza / Artes do Movemento, co mesmo rango, dotación de recursos, competencias e funcións cos restantes Departamentos ou Unidades de Produción;
- A convocatoria dun proceso de selección para a provisión do posto de dirección do CCG e a súa publicación no DOGA
O respecto, no deseño do proceso de selección para a provisión do posto de Dirección do CCG aos principios legais relativos á necesaria motivación da proposta, ao mérito, capacidade e idoneidade na designación, e á publicidade e concorrencia dos procedementos; - A provisión do posto de Dirección do CCG mediante a formalización dun contrato de Alta Dirección que, a diferencia do acontecido anteriormente, garanta a necesaria autonomía, plena responsabilidade e mecanismos de avaliación no cumprimento das súas funcións;
- Unha dotación orzamentaria para o Departamento de Produción Coreográfica que garanta, segundo os plans de acción previstos e memorias realizadas legal e estatutariamente esixibles, o correcto desenvolvemento das súas competencias;
O comunicado, que se pode ler integramente aquí, súmase a outros no mesmo sentido da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, da Academia Galega de Teatro ou de Músicos ao vivo, pedindo explicacións polos recortes reflectidos no proxecto de Orzamentos Xerais para o próximo exercicio que a Xunta de Galicia está a tramitar no Parlamento e polas declaracións do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciando un novo Estatuto para a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) en contestación a unha pregunta parlamentaria da deputada do BNG Olalla Rodil.
A Agadic envioulle un breve comunicado á erregueté explicando que as súas unidades de produción non sufrirían recortes e que “varios dos proxectos de ambas unidades de produción [CDG e CCG* para o ano que vén se desenvolverán ao abeiro do programa cultural de promoción do Xacobeo 2021 e estes investimentos non se contabilizan dentro do orzamento da Agadic, senón do de Turismo de Galicia”, o que propiciou acusacións de “turistificación” da cultura en sectores profesionais.
O Centro Dramático Galego vén sendo obxecto de debate dende hai uns anos pola escasa produción, as polémicas ao redor dos procesos de selección de elenco, a baixa contratación de intérpretes, e a mingua das xiras de distribución. O Centro Coreográfico Galego, pola súa banda, foi o centro dunha agre polémica o pasado xuño, cando un grupo de profesionais denunciaron a inactividade do centro, a inexistencia dun plan de actuación para as artes do movemento e o que consideraban “múltiples irregularidades” na coprodución de Maestro Rodrigo, o último espectáculo promovido polo centro. Ambas unidades de produción están sen dirección despois das renuncias de Fefa Noia e de Mercedes Suárez.