in

Fernando Castro Paredes gaña o II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

Fernando Castro Paredes
A peza Ofelia ou o cabeiro da cóbrega destaca sobre as 21 obras recibidas nesta segunda edición, consolidando o certame.

 

O II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual concede o seu premio ao escritor e docente Fernando Castro Paredes coa obra Ofelia ou o cabeiro da cóbrega. O xurado, conformado pola directora teatral e programadora da sala Ingrávida (O Porriño) Irene Moreira; a dramaturga e directora da Erregueté, Vanesa Sotelo e o director teatral César No; salienta “o coidado uso da lingua galega e o artellamento dunha sólida carpintaría dramatúrxica neste novo achegamento ao mito de Hamlet desde a personaxe de Ofelia”. Así como “a recuperación da maxia para o teatro cunha riqueza de accións dramáticas que poden resultar moi estimulantes á hora de poñelas sobre as táboas, tanto para un equipo artístico como para o público”.

A obra de Castro Paredes, destacou sobre as 21 obras presentadas nesta segunda edición do certame, consolidando esta cita coa nova dramaturxia galega organizada pola compañía teatral Feira do Leste.

Este certame procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas. “Estamos moi contentos porque vemos que existe un interese por dar a coñecer a obra de novos autores e iso reflíctese na alta participación con respecto á edición anterior: de 14 a 21 obras presentadas”, sinala Javier Lojo, coordinador do certame.

Na primeira edición, a obra gañadora foi A enterradora (blogue) do xornalista Miguel Sande e que contou cunha edición conxunta por Á Feira Edicións nun volume con obras como Tras Tannhäuser de Ernesto Is, Loló e Mamá de Esther F. Carrodeguas e Dramaturxia das Mulheres de Inherente Teatro. “A eiva non está só na falta de representación escénica das obras dos autores, senón que tamén na publicación e difusión da súas creacións. Nós queremos axudar a cambiar esta situación”, sinala a organización.

 


Publicidade

Sinopse

No pazo de Elsinor, no corazón mesmo da antiga Dinamarca, Polonio, un conselleiro do novo monarca Claudio, vén de ser asasinado de xeito brutal. A súa filla Ofelia sentirá no seu interior o impulso da vinganza. Unha peza que se mergulla no universo da prestidixitación para ofrecer unha reescritura do Hamlet de Shakespeare.

 

Fernando Castro Paredes

Nace en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975. É licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade exerce coma profesor de ensino secundario no I.E.S. Fernando Blanco de Cee (A Coruña). Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. É autor dos poemarios Caderno de don(i)celas, Coma se nada sucedese e Excrementos (todos eles accésits do Premio Francisco Añón de Poesía) e do relato O espacio exterior (Premio de Narrativa Historias Na Universidade). Como dramaturgo formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral. É autor das pezas Pallaso (Premio Varela Buxán de Textos Teatrais), No ventre da balea (accésit do Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle), A derradeira bala (Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño), Amorodo agre (Premio de Teatro Rafael Dieste), Papiroflexia e Animais de compañía, estas dúas últimas estreadas por Farándula Velutina.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PentecostesPalidoDomingo |

Pentecostés

EszterSalamon |

‘Escenas do cambio’ comeza esta semana en Compostela