Teatro e cinema mestúranse en escena. En vivo e en directo asistimos á xeración da película que vemos en pantalla. Anacos de documentais e filmes proxectados axudan a contar a vida da grande actriz.
Tralo parón provocado pola Covid19, o I Congreso Internacional de Teatro Galego retoma o seu oco na axenda compostelana, e, dentro do seu inmenso programa destaca a peza Despois das ondas, de ButacaZero, peza seleccionada para representar ao Teatro Galego Contemporáneo.
O Congreso, que leva por lema “Co 2030 no horizonte” comezará o día 7 xa pola mañá, pero a cita teatral será ao día seguinte, día 8 de outubro, ás 22:30, trala fin do programa do día. E terá lugar na casa do Teatro Galego: O Salón Teatro. As persoas que consigan entrar (tan só 60 por mor das restriccións por mor da Covid impostas en Santiago de Compostela) poderán gozarán de ver en escena á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embarcáronse o pasado ano neste grande reto coa peza Despois das ondas, de Ernesto Is, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.
Ernesto Is, quen levou por esta peza Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, propón unha viaxe en tren no que a diva do teatro vai recordando a súa vida, dende a súa infancia na Coruña, ate a chegada da República, a Guerra Civil, o exilio, o seu éxito profesional como actriz francesa ou a morte do seu grande amor: Albert Camus.
Pero Constenla non estará soa en escena, completan o elenco Nerea Brey, quen tamén se colocará na pel da diva na súa infancia e xuventude, e, como xa dixemos, Sonsoles Cordón, quen amosará a súa versatilidade escénica entre bailes, coreografías e creación de numerosas personaxes.
Con todo, non serán as únicas que se suban ás táboas do Auditorio, pois outras catro persoas estarán en escena para que a maxia do teatro e a do cinema se poidan mesturar. Roi Fernández foi o encargado do deseño da parte audiovisual, e estará acompañado en escena por Esther F. Carrodeguas, Beatriz de Vega, e Ernesto Is, quen se encargará de xerar os sons tamén en vivo e en directo. Os catro son os encargados de que o teatro se convirta nun plató de cinema e de que os espectadores poidan ver un espectáculo tan teatral como cinematográfico.