O Festival Internacional Galicreques celebra neste 2020 o seu vixésimo quinto aniversario cunha edición especial marcada polas circunstancias sanitarias, pero cun marcado compromiso tanto co público coma co sector cultural.
Do 10 ao 18 de outubro, o encontro organizado pola Asociación Barriga Verde ofrecerá máis de 40 funcións cun programa que contará con máis de vinte compañías, procedentes maioritariamente de Galicia, pero cunha importante presenza de formacións chegadas de Valencia, Andalucía, Euskadi, Salamanca ou Aragón. Ademais, o carácter internacional estará garantido pola participación de compañías e artistas procedentes de Brasil, México, Portugal ou Arxentina.
A programación comezará o sábado, 10 outubro, con seis actuacións repartidas en diferentes espazos. Así, a primeira sesión será unha ruada que partirá ás 13.00 da Praza do Toural e que correrá a cargo da compañía galega Fantoches Baj. Unha hora máis tarde, ás 14.00, a formación galaico-francesa Moving Compass representará en Praterías o espectáculo Os limpiabotas. Nese mesmo espazo, ás 17.00, a quenda será para a arxentina Sofía Ferrari e o seu Crucu Show, que tamén contará cun pase ás 13.00 pola xa tradicional Carpa da Alameda. Outro parque, o Parque de Vista Alegre, converterase dende o primeiro día noutra das sedes ao aire libre deste festival. Alí, nos exteriores do edificio SGAE, ás 18.00 actuará de novo Moving Compass. Así comezará un festival que, durante nove días, tamén encherá de monicreques o Teatro Principal e os centros socioculturais de Santa Marta, Vite, Conxo, Fontiñas ou do Castiñeiriño.
Ao longo da semana, o Teatro Principal acollerá catro estreas. Así, o xoves 15 de outubro ás 20.00, o público poderá descubrir Miragres, un traballo conxunto das formacións Spaguetti, Micromina e os músicos Uxía Muíño e Bernardo Martínez. O día seguinte, á mesma hora, a compañía portuguesa Krisálida presentara Plastikus. O sábado será tempo de estrea de El hombre que plantaba árboles, obra do mexicano Víctor Biau en coprodución con Galicreques. Por último, o domingo chegará a quenda de Moving Compass, que presentará por vez primeira tamén ás 20.00 a peza Gaia Baba.
Programación escolar
Un dos piares fundamentais do Festival Galicreques ficará en suspenso nesta edición por mor da situación sanitaria e adaptarase ás presentes circunstancias: a programación de funcións escolares. Neste 25 aniversario, o festival non renunciará ao seu vínculo coa comunidade educativa, polo que porá en disposición do centros un programa escolar en liña e totalmente gratuíta. Así, do 12 ao 16 de outubro, ás 12.00 horas ofrecerase por unha canle do Galicreques espectáculos de diferentes duracións de compañías de Ecuador, Arxentina, Uruguai, Venezuela e Galicia. Os centros interesados en acceder a estes espectáculos poderán solicitalo ao enviar un correo a [email protected] e [email protected].