in

VI Festival Pequeártiko: un Nadal para os máis pequenos na Sala Ártika de Vigo

Festival Pequeártiko Migallas Teatro Contos nas orellas

A programación de Nadal da Sala Ártika volve, un ano máis, a centrarse nos pequenos. A sexta edición do Festival Pequeártiko arranca o día 19 de decembro e contará con nove espectáculos que se representarán ata o 3 de xaneiro.

A aposta da sala, dirixida por Marcos Alonso e Fernanda Barrio, volve a ser o teatro familiar tendo en conta que son unhas datas moi especiais para os nenos e nenas. Os prezos son populares e van dos 6 aos 12 euros, dependendo da representación.

Musicais para nenos

O teatro musical ten unha especial presencia na programación do Festival Pequeártiko. O libro da Selva de Avento Producións, ponlle cancións e coreografías a esta eterna historia, polo que non pasa o tempo, que fala de valores como a camaradería, o sentido de comunidade e a tolerancia aos distintos a nos. Poderase ver os días sábado 19, domingo 20, luns 21, martes 22, mércores 23 e xoves 24 de decembro de 2020 cun prezo de 10 euros en venda anticipada e 12 na billeteira; e horarios de mañá ou de tarde en días sinalados.

Ummm!! Unha comedia musical para chupar os dedos, representada por Rocío Salgado e Martín Maez, que acadou o premio María Casares a mellor espectáculo infantil no 2020, estará o xoves 31 de decembro as 12.00 horas con entrada anticipada a 8 euros e 10 na billeteira. Unha oportunidade para despedir o ano coñecendo a pastelaría de dona Remedios e desfrutar bailando cos seus conflitos gastronómicos.

A clásica compañía Migallas Teatro, pon en escena Merenda con pan de millo o domingo 27 de decembro ás 18.00horas. Un espectáculo de pequeno formato baseado no Libro-disco Pan de millo, editado pola Editorial Kalandraka e coa produción musical a cargo de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, do grupo Treixadura. Nel combínanse cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor.

O rato Martin e a gatiña Carlota, cos seus coñecidos contos e cancións, presentarannos as máis famosas historias de gatos e ratos: A Ratiña Presumida, O Señor Don Gato, O Rato Pérez, O Gato con Botas, O Twist dos ratos, Debaixo dun botón, O Gato mimoso… Un espectáculo de iniciación á música e para espertar o sentido musical, que chega a Vigo da man da compañía valenciana Teatre de la Caixeta. Cuentos y cancioncitas de gatos, ratones y ratitas poderase ver o domingo 3 de xaneiro as 12.00 horas, cun prezo de 8 euros anticipada e 10 na billeteira.


Publicidade

Circo, maxia e teatro de rúa

A maxia e o circo tamén teñen un lugar na axenda deste Nadal do Festival Pequeártiko. Son recuerdos da compañía aragonesa Alodeyá, pon en escena unha proposta coreografiada de danza, teatro, poesía e circo que se mesturan a ritmo de música en directo. Unha bonita historia de amor, unha ben trazada interactuación de música e movemento que poderemos desfrutar o sábado 26 de decembro ás 18.00 horas.

Por que hai máis magos que magas? É certo que estamos afeitos a ver magos, pero tamén teñen existido e existen hoxe moitas mulleres magas. A igualdade non ten truco é un espectáculo de maxia que procura promover a igualdade a través da arte do ilusionismo. Está recomendada para maiores de 6 anos e representarase o mércores 30 de decembro ás 18.00 horas.

Contos nas orellas (especial Nadal), actividade onde nenos e maiores poderán gozar das historias e da música a cargo de Migallas Teatro poderá verse na Sala Ártika. O sábado 2 de xaneiro ás 17.00 horas e as 19.00 horas por un prezo de 8 euros anticipada e 10 na billeteira.

Teatro de marionetas e de bebés

Tanxarina continúa co seu espectáculo de marionetas Titiricircus. Unha lembranza ensoñadora e festiva do grande circo de carpa alta e bicolor contada grazas á historia de dous vellos traballadores daquel circo que lembran agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo participativo có público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica; o malabarista máis divertido e bailadeiro do mundo… O martes 29 de decembro ás 18.00 horas con entrada anticipada de 8 euros.

Os máis cativos tamén teñen a oportunidade de desfrutar do teatro grazas a proposta para bebés de Caramuxo Teatro. Redondo, un espectáculo para a primeira infancia que xoga coas formas. Unha proposta visual, case sen palabras, para gozar en familia que poderá verse o luns 28 de decembro ás 17:30h e 19:00h. Entradas do Festival Pequeártiko á venda na web da Sala Ártika.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alén - A Formiga Teatro

A Formiga Producións Teatrais estrea ‘Alén’

O raro é que bailar sexa raro | Ángel Sousa

Colectivo Vacaburra, Javier Martín e Kirenia Danza, próximas coproducións do CCG