PUBLICIDADE

A compañía coruñesa bota a andar cunha comedia negra sobre a morte e as crenzas no máis alá e baixo a dirección de Gustavo del Río.

 

A compañía A Formiga Producións Teatrais estrea Alén, o seu primeiro espectáculo, o sábado día 19 na sala coruñesa Teatro del Andamio. O pase terá lugar ás 20 h. e poñeranse á venda unicamente dez entradas.

Alén é a primeira obra de longa duración d’A Formiga, unha comedia negra sobre o tema da morte. Un velorio e dous irmáns que se enfrentan ao deceso desde dous puntos de vista moi diferentes: o tradicional e o máis moderno e aséptico. A raíz do falecemento da súa nai, os dous personaxes trasladan ao público algunhas das súas inquedanzas sobre a materia, como se existe un máis alá ao que ir unha vez finados ou a quen modifica máis a morte, ao que marcha ou ao que queda. Un espectáculo de creación colectiva que, ademais, sube ás táboas algunhas das experiencias persoais do equipo artístico coa fin de que as espectadoras e espectadores empaticen con elas ou mesmo se recoñezan nalgunha. Despois de todo, Galicia sempre tivo unha relación moi próxima co fatal asunto, non si?

A Formiga é unha compañía de teatro de nova creación, nada no 2019 na Coruña. Forman parte dela o actor Daniel Celester e a actriz Silvia Lorenzo. Despois dalgún tempo facendo teatro de pequeno formato e diversos traballos no audiovisual, o ano pasado comezan a crear o seu primeiro proxecto profesional que agora ve a luz. Baixo a dirección do dramaturgo e director Gustavo del Río, veñen de rematar a dramaturxia completa de Alén, que se estrea no Teatro del Andamio logo de desenvolver unha residencia artística na propia sala.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos