O festival, único do seu xénero na Península Ibérica, celebrará desde este martes e até finais de decembro a súa quinta edición cunha ducia de funcións e a participación de nove compañías.
O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña, celebrará a súa quinta edición na vila da comarca da Barbanza entre os días 22 e 30 de decembro. Un total de doce funcións conformarán o programa deste ano, no que tamén se inclúen mesas redondas, exposicións e obradoiros.
Na edición de 2020, a primeira que se celebrará en Rianxo tras catro anos no municipio de Teo, o Titiriberia incluirá unha programación cuxo obxectivo principal será, un ano máis, achegarlle ao público a longa tradición do títere tradicional, xénero escénico cun gran arraigamento histórico na cultura galega. Neste ano tan insólito e complexo por mor da pandemia, o festival adaptarase ás circunstancias, cumprindo co máximo rigor con todas as medidas sanitarias en canto á protección individual e a limitacións de aforos. Ademais, para garantir o máximo acceso posible ao público, poderase seguir pola rede o conxunto da programación a través da canle de YouTube do festival.
Programación
Ao longo dos sete días presenciais que durará o festival, pasarán por Rianxo compañías como Viravolta Títeres, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Fantoches Baj, Títeres Cascanueces, Xirapaus ou a Cova das Letras, o colectivo Indignati (Asociación Galega de Commedia dell’Arte), artistas como Fran Rei, Borja Insua de Títeres Alakrán, Iria Pinheiro, Lucho Penabade, Tero Rodríguez e Esther Carrodeguas, ou grupos de música como Áureas. Todos estes nomes tecerán coas súas actuacións o programa deste Titiriberia en Rianxo que, ademais, terá na descentralización unha das súas características, xa que os espectáculos se repartirá por diferentes espazos da vila.
A programación iníciase este martes, 22 de decembro, da man da compañía Viravolta Títeres, que ofrecerá dous pases d’O horroroso crime de Xan Miñoca, espectáculo de títeres de cachaporra con música de piano en directo. Será ese o inicio dun programa que, entre os seus pratos fortes, conta con As varietés do Barriga Verde, un formato multidisciplinar que mestura os monicreques co cabaré, a música, a poesía e o escapismo. O último día do festival actuarán Esther Carrodeguas, Tero Rodríguez, Lucho Penabade, Pajarito, María Dobronich, Borxa Ínsua e Lázaro Duyos no Auditorio Municipal de Rianxo. As varietés do Barriga Verde estará conducido por Iria Pinheiro que contará co acompañamento escénico-musical do grupo Áureas.
Commedia dell’Arte e a cachaporra
A Commedia dell’Arte será a protagonista en diversos momentos do programa desta edición. O actor, director e profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Fernando Llera, ofrecerá a conferencia Commedia dell’Arte: artesanía teatral, o sábado 26 de decembro ás 19.30 h. no Centro Sociocultural ‘A capela do Araño’. O propio Llera impartirá, por outra banda, un Obradoiro de iniciación á Commedia dell’Arte os días 26 e 27 no mesmo recinto.
Outra das actividades que destacan da programación é unha mesa redonda que terá lugar o vindeiro 28 de decembro ás 20.00 h. no Auditorio de Rianxo que, baixo o título A innovación da Cachaporra. Novos xeitos para traballar a tradición, reunirá a Santi Prego, Inacio Vilariño e Alba Grande. Moderada por Comba Campoi, a mesa se centrará na tradición e na innovación no histórico xénero da cachaporra.
Consulta o programa completo do Titiriberia 2020 aquí.