in

L’aniversari

L'aniversari | Teatro de lo Inestable

Per molts anys!

| Iván Fernández |
| Foto: Teatro de lo Inestable |

 

Canto dá de si unha festa de aniversario… Os aniversarios, son os momentos nos que se cumpren, precisamente, un ano dende unha data singular. Celebramos (ou non) o que aconteceu hai un ano, e logo dous, tres, catro… Os aniversarios son unha festa para a memoria.

Canto dá de si unha festa de aniversario… Os aniversarios son, tamén, intres onde podemos revisar o que aconteceu dende o ano pasado e o que fixemos até hoxe. Damos, neste planeta chamado Terra, toda unha volta ao Sol dende a derradeira vez que estivemos neste lugar: hai un ano, xustamente, estabamos aquí, neste sitio, nacendo, morrendo ou vivindo unha experiencia suficientemente importante como para querer rememorala, ano tras ano. Ou non.

Canto dá de si unha festa de aniversario… Invitamos a amigxs, familia, seres queridos. Xuntamos comida, bebida, música e poñemos toda a intención para celebrar o acontecemento que estamos a rememorar. Ou non. Se cadra, o que pretendemos con tanta festa é, precisamente, esquecer e gardar a memoria, pechar as lembranzas nos cuartos escuros que gardamos na nosa casa.

Canto dá de si unha festa de aniversario… Confetti, champan, agasallos e tres sofás baleiros por onde pasear a nosa soidade. Obxectos que semellan festivos pero que se non son quen de convocar á fantasía festiva, rematan resaltando a nosa soidade coma unha estrela sobre o fondo da noite. Si, esa noite que está a chamar á porta.

Canto dá de si unha festa de aniversario… Con L’aniversari a veterana compañía valenciana Teatro de lo Inestable ofrece un espectáculo ambicioso no discurso e na proposta, que non só dá voltas á memoria ou á fantasía do rinoceronte, senón que abrangue un universo de utilidades tecnolóxicas e artísticas, de espazos e temporalidades superpostos que por intres chega a atordar(me) os sentidos, desleixando este desfile de soidades e temores, agochados en favor do artificio… Ou non.


Publicidade

 

L’aniversari, Teatro de lo Inestable

Intérpretes: Águeda Llorca, Andrea Torres e Juan Andrés González
Dirección: Jacobo Pallarés
Textos e dramaturxia: Lucía Sáez, Juan Andrés González e Jacobo Pallarés
Música: Vicky Trillo e Juan Andrés González
Deseño iluminación: Miguel Pardo (Zas)
Deseño audiovisual: Beatriz Herráiz
Animadores AV: María Pulido, Sara Álvarez e Miquel Vidal
Deseño vestiario: Anabel Ferrer
Obxectos: Los Reyes del Mambo
Asesoría movemento: Maribel Bayona
Produción: Gloria Pitarch, Belén Perelló, Paula Rausell
Comunicación: Paula Rausell
Voz en off: Vicent Domingo
Coro de nenas: Andrea, Nayara, Aitana, Maria, Blanca, Diana, Sara, Andrea Agut, Vera, Mar, Wilma, Jorge, Sandra, Mame Fatou

 

Teatro Ensalle, Vigo. 4 de decembro de 2020.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Colectivo Glovo

Xornadas de danza en Lugo

Titiriberia 2020

Titiriberia 2020: o festival de títeres tradicionais comeza en Rianxo