in

ButacaZero leva o confinamento a escena en ’32m²’

32m2
Fotografía de Serxo González

A compañía dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira propón, no aniversario do confinamento de 2020, unha traxicomedia sobre o encerro derivado da pandemia da COVID-19 que se basea na propia experiencia dos autores. O Auditorio Municipal de Vigo acollerá o venres día 12 e o sábado 13, dúas funcións da obra antes dunha Xira Confinada por Galicia ao longo da primavera.

Coincidindo coa celebración do primeiro aniversario do confinamento por mor da COVID-19, ButacaZero estrea en Vigo o seu novo espectáculo: a traxicomedia 32m², unha peza de teatro absurdo que ten como base a propia experiencia dos autores durante o encerro da pasada primavera.

O novo proxecto de Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas chega ao Auditorio Municipal da cidade olívica con todas as entradas esgotadas para as funcións do venres 12 e do sábado 13. A través de elementos cómicos e tráxicos, 32m² pon o foco sobre a convivencia da sociedade coa precariedade e as desigualdades na súa vida cotiá a través da mirada de Mar e Xan (interpretados por Nuria Gullón e Xurxo Cortázar), unha parella que se considera “antisistema” e que habita con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación. Cuestións como a soidade, o abandono, as complexidades das relacións interpersoais ou o estrés e o os ritmos frenéticos impostos na “vella normalidade” serán algúns dos temas que se visualizarán nesta peza.

O espectáculo, que conta cunha banda sonora orixinal creada polo músico asturiano e axitador folclórico Rodrigo Cuevas, nace coa vontade de ofrecer unha ollada singular, reflexiva e “sandadora” ante unha situación que marcou, e marcará, a vida de toda unha sociedade.

Cremos que todo o mundo se poderá sentir identificado coa obra, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual, todas aplaudimos puntuais ás 20h, e finalmente acabamos por descubrir a merda que tiñamos debaixo das propias alfombras. Con ela propoñemos botar unha ollada a unha situación que marcou a vida de toda a nosa sociedade e recoñecernos en situacións absurdas que nos permitan comezar a curar as feridas e render homenaxe a quen marchou ou quen deixou o mellor de si mesmos nesta distopía”, expoñen Carrodeguas e Castiñeira.

Ficha técnica e artística

En escena: Nuria Gullón e Xurxo Cortázar
Texto: Esther F. Carrodeguas
Dirección: Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira
Música orixinal: Rodrigo Cuevas
Escenografía e luz: Beatriz de Vega
Construción: José Faro ‘Coti’
Vestiario: Alicia Root
Axudante de dirección: Anxo Outumuro
Produción e distribución: Esther F. Carrodeguas

Apoio: AGADIC/Xunta de Galicia 
Colaboración especial: GADIS e Reizentolo


Publicidade

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Libros de vello / libros de saldo 1

Expresión dramática infantil

COVID-19

Diversas entidades culturais demandan a reapertura do Auditorio de Ourense