Carlos Casares puxo laranxas a falar en As laranxas máis laranxas de todas as laranxas obra coa que gañou, en 1972, o Premio de Teatro Infantil O Facho. Case cincuenta anos despois o teatro destinado a este público segue a ser unha excepción. Son poucas as editoriais que apostan pola publicación de literatura dramática infantil, quizais pola pouca demanda? Ou será que non hai oferta?
Hoxe deberiamos ter unha axenda cargada de espectáculos que lle achegasen o teatro á infancia, mais non é así, podedes buscar nas redes, eu fíxeno, e xa veredes que ides atopar ben pouco. Isto entristéceme no que é, tamén, o día mundial da felicidade.
Os escenarios, cando menos o 20 de marzo, haberían estar ateigados de laranxas, de barrigas verdes, de espantallos, de apalpadores, de formigas, de meigas, espiñas de toxo e de tantos e tantas personaxes que poboan a nosa literatura dramática infantil, en cada unha das súas vertentes. Temos teatro para ler, teatro para representarlles aos cativos e cativas e, tamén, teatro para que a rapazada sexa protagonista e suba ás táboas enchendo o escenario de maxia. O teatro infantil e xuvenil, en calquera dos seus formatos, fai espectadores e espectadoras do futuro, xente sensible cara a cultura, cara ao espectáculo. Non é o mesmo ir ao cinema ver unha película de Disney que gozar da maxia do teatro, un espectáculo directo, participativo e vivo no que os sorrisos e aplausos da cativada chegan ata a escena e forman parte dela. E se son os cativos e cativas os que se meten nos personaxes xa é a catarse completa.
Dende Dorothy Heathcote, que ergueu os nenos e nenas das cadeiras para que se apoderasen do escenario, moitas e moitos, que amamos o teatro e a infancia, seguimos a esforzarnos cada día para achegar o teatro a este público e facelo cotiá. Non se trata dun público fácil, neles e nelas non hai hipocrisías, vanche facer saber se lles gusta ou non lles gusta o que lle están amosando e, se son protagonistas do espectáculo, trabállano ata converterse tamén en técnicos de imaxe e son, en espertos e espertas produtores e produtoras, en mecenas do imposible, porque todo ten que saír á perfección e a perfección na infancia é incuestionable. Despois, hai un momento, un intre onde os focos se apagan e queda a escena sen luz no que nos metamorfoseamos e, para cando volve abrir o pano, xa estamos vestidos con convencións, normas, etiquetas e decidimos que é o que vende ou non vende, que é o que se publica ou non se publica, se marcamos unha data sinalada ou non a marcamos.
Se pensamos en algo que identifique a infancia iso é o xogo. Dunha vez pregunteille a unha alumna miña por que lle gustaba vir aos talleres de teatro e díxome: “porque me encanta xogar”.
Xoguemos pois!
Folla de Carballo: Son a Folla de Carballo
agarimada do ar
A leve pinga de orballo
sobre min se vén pousar.
Espiña de Toxo: Eu son a Espiña de Toxo,
espiña de toxo arnal.
Anque teño cara fera
nunca fixen ningún mal.
Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, Manuel María