Non vale parar. Unha MIT nos tempos da COVID, ópera prima de Ainhoa Viñuela e Blanca Selas, estréase este sábado 27 de marzo co gallo da celebración do Día Mundial do Teatro en Ribadavia. O programa de actividades complétase con lecturas de fragmentos dos textos premiados co Abrente.
Este sábado 27 de marzo, coincidindo coas celebracións polo Día Mundial do Teatro, Ribadavia convértese na capital do teatro galego. Con todas as medidas sanitarias e favorecendo unha difusión ampla da actividade arredor da escena, a vila do Avia realizará actividades arredor da Mostra Internacional de Teatro, nas que convidan a toda a veciñanza.
Dende as 12 da mañá do día 27 haberá lecturas dramatizadas de fragmentos das pezas gañadoras do Abrente, o prestixioso premio de textos teatrais que convoca a MIT e que edita Difusora. A través dun formulario de inscrición aberto a toda a cidadanía, a lectura pretende alentar e animar a colectivos escolares, afeccionados e público
en xeral a coñecer a dramaturxia galega actual a través dos textos premiados co Abrente. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Ribadavia e será retransmitido en directo, para cumprir coa responsabilidade e seguridade sanitaria.
Xa ás 19.00 h., o Auditorio Municipal ‘Manuel María’ da Casa da Cultura de Ribadavia, acollerá a estrea da ópera prima de Ainhoa Viñuela e Blanca Selas: Non vale parar. Unha MIT nos tempos da COVID. O filme das ribadavienses non é un documental ao uso, xa que se trata dunha peza sensible enfiada pola coreógrafa Laila Tafur, en residencia artística durante a MIT de 2020. A película recolle unha ollada ampla ás emocións, imaxes imborrables, retos e compromisos colectivos que se deron cita nos espazos a ceo aberto dun dos escasos eventos culturais que deu paso á apertura e protocolos COVID nos lugares da cultura ata o día de hoxe.
O documental recolle entrevistas a público, artistas, voluntarias/os e traballadoras e traballadores da MIT de Ribadavia. Voces coma as da creadora Marta Pazos, a actriz Fernanda Orazi, o director e narrador Quico Cadaval, o actor Santi Prego ou as directoras de Teatro en Vilo Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez, mestúranse con escenas de espectáculos coma Fariña, Dreaming Juliet de Elefante Elegante ou Doña Rosita anotada de Pablo Remón.
O aforo para asistir á proxección está limitado ás indicacións das autoridades competentes e é preciso confirmar asistencia no correo [email protected]. Así mesmo, unha vez rematado o acto, o filme estará dispoñible en aberto para que todas as persoas que non poidan acudir á estrea teñan a oportunidade de gozar deste traballo audiovisual en torno á 36ª MIT de Ribadavia.