in ,

Kirenia Danza inaugura o programa de Residencias Escénicas do Courel

Kirenia Danza
Imaxe de Kirenia Danza

Un conto bailado do poeta Uxío Novoneyra é o traballo que a bailarina presentará o vindeiro sábado 27 de marzo e co que inaugurará o programa de Residencias Escénicas no Xeoparque mundial da UNESCO Montañas do Courel (Lugo).

O sábado 27 de marzo, ás 19.30 h. e concidindo co Día Mundial do Teatro, terá lugar a mostra da primeira peza que forma parte do programa de Residencias Escénicas no Xeoparque mundial da UNESCO Montañas do Courel (Lugo), apoiadas polas axudas para o impulso do sector escénico da AGADIC e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

A compañía Kirenia Danza desenvolverá un espectáculo ao aire libre nos espazos exteriores da Fundación Uxío Novoneyra, escenario habitual do Festival dos Eidos, onde interpretará o conto Vagaface, Brumalión e o can de pedra, escrito polo poeta do Courel. O texto serve de base a unha interpretación bailada pola bailarina Kirenia Martínez Acosta e o actor Xoel Álvarez.

Esta presentación aberta é o resultado da residencia coreográfica de Kirenia Danza durante o pasado Nadal, así como a primeira dunha serie de catro mostras que traerán ás montañas luguesas aos mellores artistas escénicos de Galicia. Dita presentación quedou aprazada no seu momento polas restricións da pandemia.


Publicidade

Nun coloquio posterior, intervirán o secretario da Fundación, Uxío Novo, xunto á directora da peza, Kirenia Martínez, e o actor Xoel Álvarez, no que desgranarán a programación das residencias durante a primavera e o verán; ademais de falar da súa experiencia dentro do proxecto europeo AESOP de producións escénicas baseadas no patrimonio inmaterial, e do actual proxecto Europa Creativa Be(P)art de fomento das políticas rurais de públicos literarios mozos.

Actividade para todos os públicos previa reserva en [email protected] ou no teléfono 671 445 247.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MIT de Ribadavia

A MIT de Ribadavia celebra o Día Mundial do Teatro coa estrea dun documental

Hui Clos

Vanesa Sotelo presenta ‘IDUS’ no proxecto internacional de Ricardo Correia sobre Europa na pandemia