in

O Centro Dramático Galego estrea ‘Terceiro Acto’

Terceiro acto |

O CDG estrea hoxe ás 20.00 horas no Salón Teatro a súa nova produción propia, Terceiro acto, unha peza que reflexiona arredor da última etapa da vida protagonizan e reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual.

Ao igual que n’O charco de Ulises, con esta produción o Centro Dramático Galego fai unha nova aposta pola codirección, neste caso da man de dúas mulleres. Avanza así tamén no compromiso que adquiriu este ano coa adhesión á iniciativa Tempadas de igualdade nas artes escénicas, promovida por Clásicas y Modernas, a Asociación para a Igualdade de Xénero na Cultura. A montaxe está dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, da compañía Teatro en Vilo, e ten como elenco a Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha, Tatán.

A escenografía corre a cargo de Marta Pazos, o vestiario é de Yaiza Pinillos, a iluminación é de Miguel Ruz Velasco, o espazo sonoro é de Hugo Torres e a coreografía de Amaya Galeote. Ademais, Laura Míguez asumiu a asistencia de dirección, Carmen Triñanes, a de escenografía e Xandre Vázquez, a de produción.


Publicidade

Terceiro acto é a segunda das tres pezas de produción propia do CDG para este ano, xunto c’O charco de Ulises, xa estreada, e Serva me, servabo te, aínda por estrear. Estará  no Salón Teatro ata o 16 de maio, e ofrecerá máis de 30 funcións de mércores a domingo. Os mércores ás 18.00 horas haberá funcións descontraídas, con condicións de luz e son adaptadas ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Os xoves a función será ás 20.00 horas e os venres e sábados haberá dobre pase, ás 17.00 horas (agás os días 16 e 17 de abril) e ás 20.00 horas. Os domingos será ás 18.00 horas e irá seguida dun encontro co público ao remate. Ademais, o domingo 16 de maio ás 18.00 horas haberá unha función inclusiva, na que haberá intérprete en lingua de signos, audiodescricións e programas de lectura fácil.

O CDG está a organizar tamén con diversos concellos desprazamentos da veciñanza a Santiago de Compostela para asistir ás funcións de Terceiro acto. O obxectivo é contribuír a que o maior número de poboación teña a oportunidade de ver un espectáculo da compañía pública na súa sede escénica. Gondomar, Redondela, Sada, Santiso, Teo, Toques ou Piñor son algúns dos municipios que xa se sumaron á iniciativa. A maiores, o CDG está a traballar nunha xira, prevista para o mes de xullo, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Auditorio de Ourense

Trece asociacións das artes escénicas e da música rexeitan a privatización do Auditorio de Ourense

A Feroz 2 2 |

A Feroz estrea ‘Do pracer e da morte’