O dramaturgo de orixe asturiana, afincado en Vigo, asinará un contrato co ente público para desenvolver a escrita do seu proxecto Relato para un incendio. A peza resultante será empregada nunha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG).
Ernesto Is (Xixón, 1988), membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, é o autor seleccionado pola AGADIC para desenvolver un texto dramático na Bolsa de Dramaturxia e Creación, impulsada pola entidade pública co apoio do Centro Dramático Galego (CDG) e DramaturGA (Asociación Galega de Dramaturxia). O seu proxecto, Relato para un incendio, foi seleccionado por maioría nesta primeira convocatoria da bolsa por unha comisión de valoración integrada polos seguintes membros:
Presidente: Francisco Núñez Alonso, director do Centro Dramático Galego
Vogais:
– Antonio Salgado Rodríguez (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
– Santiago Cortegoso Calvar (Escena Galega)
– Francisco Oti Ríos (Academia Galega de Teatro)
– Dolores Vilavedra Fernández (Consello da Cultura)
– Mª del Carmen Castro Pombo (Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia)
– Roberto Salgueiro González (Universidade de Santiago de Compostela)
– Jorge Rey Rivas (Unión Internacional de Marioneta, sección Galicia)
– Cristina Domínguez Dapena (ESAD de Galicia)
– Antón Lamapereira López (erregueté | Revista Galega de Teatro)
– Carlos Lorenzo Pérez (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural)
– Beatriz Maceda Abeleira (Asociación Escritoras-es en Lingua Galega)
– Belén Brandido Gutiérrez (Asociación de Profesionais do Circo de Galicia)
– Eva Freixeira Ferreira (DramaturGA)
Secretaria: María Paredes Rodríguez (AGADIC)
A comisión salientou na acta de resolución do ditame “a acreditada solvencia do autor e a valoración que este fai da bolsa de dramaturxia como medio de crecemento artístico grazas da colaboración e aprendizaxe compartida con outras voces e enfoques artísticos. Destácase a fonda conexión da temática coa nosa identidade como país e a proposta de tratamento dramático cunha decidida aposta polo teatro contemporáneo e documental con base na nosa memoria colectiva”.
A peza dramática resultante empregarase nunha coprodución do CDG, segundo as bases reguladoras da convocatoria.
Relato para un incendio
Interésame integrar estes acontecementos dentro dos mecanismos da ficción teatral, empregando persoas, imaxes, relatos, feitos e situacións auténticas para artellar unha dramaturxia cos preceptos do teatro verbatim. É polo que o documento físico e o relato adquirirán especial importancia tanto nas tramas da peza como no seu tratamento estilístico.
A dramaturxia de Relato para un incendio construirase, segundo o autor, a partir “dos materiais xerados por Henningsen nos seus estudos –rexistros sonoros, fotografías, escritos, etc.– , os cales vertebrarán unha historia de (presuntos) tolos e cordos, salpicada de feitos reais que coexisten con fenómenos sobrenaturais coma os exorcismos do Santuario do Corpiño de Lalín ou os antigos rituais máxicos e os meigallos”.
Ernesto Is formula a escrita de Relato para un incendio arredor de dúas cuestións:
Que leva a un danés a preservar a identidade de Galicia?
Que fai que unha galega queira reducila a cinzas?
Ernesto Is
Titulado superior en dramaturxia pola ESAD de Galicia, anteriormente fórmase no eido da realización e da produción audiovisual. Completa a súa formación con diversos obradoiros impartidos por Alfredo Sanzol, Paula Carballeira, Antonio Rojano, Sergio Blanco ou Bárbara Colio, entre outros profesionais da escena e da escrita.
Ademais da súa faceta de dramaturgo, traballa como narrador oral e profesor de teatro e escrita dramática. É membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro e un dos coordinadores do sitio web www.erreguete.gal. Colabora habitualmente coa Revista Grial (Editorial Galaxia) e con A Movida de Vigo.
En 2016 gaña (ex aequo) o Premio Abrente da MIT de Ribadavia coa obra Fendas. En 2017 acada o Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña con Despois das ondas, peza sobre a vida da actriz franco-galega María Casares que posta en escena por ButacaZero en 2019; montaxe pola que foi candidato a mellor texto orixinal nos XXIV Premios María Casares da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
Participou no VI Programa de Dramaturgias Actuales do INAEM (2017), dando como resultado a obra El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas. En 2018 forma parte do grupo de traballo de dramaturxia do Centro Dramático Galego, coordinado por Manuel Lourenzo, coa escrita d’Onde veñen morrer as baleas. En 2020, os teatros Arriaga (Bilbao), Victoria Eugenia (Donostia) e Principal (Vitoria) seleccionaron o seu proxecto Canciones amarillas para flores tristes para desenvolvelo no programa Antzerkigintza Berriak (Nuevas Dramaturgias).
A compañía Feira do Leste estreou, con dirección de César No, dúas súas dramaturxias de proceso: Exilio das Moscas (2016) e Tras Tannhäuser (2017) –axudas á Creación Joven do INJUVE–.