De certo que non foi un entremés
Clausurou a XXXVIII Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) coa estrea en Galiza da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca no Miño, logo da súa estrea no 44º Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro a primeiros de mes.
En realidade, deberiamos dicir que é a nova coprodución do CDG, pois a peza está feita man a man coa Companhia de Teatro de Braga (CTB), no que xa vén sendo unha tradición no Centro Dramático Galego dende que Fran Núñez está ao seu cargo. No escaso ano e medio que leva no posto de dirección do Centro, a súa política de coproducións incrementouse de xeito exponencial, seguindo a liña de colaboracións que o noso teatro público levara baixo anteriores directivas. Exemplos como os traballos de Noemi Rodríguez e Andrea Jiménez para Terceiro Acto, Santiago Cortegoso e Marián Bañobre para O Charco de Ulises, as propostas de Teatro Ensalle (Outras miradas e Phármakon), AveLina Pérez e Por favor, ténteo novamente máis tarde, ou a Sala Ártika e o seu Cambio de foco, son só uns exemplos.
O que si é certo é que é a primeira peza dirixida polo director do CDG no mesmo Centro, o que supón unha interesante referencia para xs que amamos as artes efémeras e queremos saber o que o noso teatro público vai facer con elas. A proposta ten un marcado ton persoal, evidenciado pola mesma presenza de Núñez na escena e como el serve de intermediario entre público e escenario, mais con todo, hai un aquel a “produción do CDG”, un sabor que lembra a un certo estilo, que non desbota o pasado, senón que o ten en conta como paso previo ao seguinte (volvemos a lembrar Terceiro Acto).
Curiosamente, as dúas derradeiras propostas galegas en presentarse na MITCFC (Espécies Lázaro de Incenciaria e o Entremés… do CDG) son coproducións co país veciño. Curiosamente, ámbalas dúas combinan á perfección o bilingüismo, falando galego e portugués indistintamente. Curiosamente, as dúas teñen un elemento estrutural común: a auga.
E é que non podemos evitar ser pobos relacionados coa auga nas súas diferentes manifestacións. No caso do Entremés… a auga é a do río Miño. Hai moitas cousas que unen os nosos países, entre elas o mesmo océano, as mesmas rutas mariñas, o mesmo río. O Miño convértese tanto nun espazo de comunicación como de separación, dependendo da vontade dos pobos e a intención que nel poñan. Ponte ou fronteira, ti elixes.
Esta é a mirada que ofrece a proposta do CDG sobre o Entremés… Máis alá de montar a peza de teatro escrita en galego máis antiga coñecida (que tamén), ofrécesenos unha mirada dacabalo sobre os dous países e a cuestión fundamental da comunicación: aquilo que nos une e nos separa, onde nós poñemos as pontes e onde as fronteiras.
A peza sobrevoa pois a historia da comunidade Galiza-Norte de Portugal, dende o intre no que se estableceu o Miño como fronteira ata as tentativas frustradas de establecer un eixo atlántico vertebrado, lonxe dos intereses espanhois. Se, por unha banda, se fai fincapé na separación, nos elementos de diferenza (“a economía, estúpido”, afirmará un dos personaxes), tamén aparecen os que nos unen, como esas xentes que miran para xs veciñxs da outra beira, como se dun espello se tratase. E inda por riba, están os peixes, peixes que falan e cantan e nadan sen saber de fronteiras, espantados polxs pescadores dun e doutro lado por igual. A metáfora está servida.
A presenza do mesmo director, Fran Núñez, como intérprete na peza, actúa como fío condutor entre as diferentes partes da mesma. A xeito de narrador ou mesmo de contacontos, interactúa co público e co que acontece en escena ao mesmo tempo, axudándonos tanto a entrar na peza como a saír dela, quedando claro así que o que estamos a ver é teatro. Precisamente unha das propostas que ten esta peza é esta: o explícito do xogo teatral como elemento de farsa, achegándonos así á linguaxe do entremés.
Con todo, obviamente esta peza non é un entremés senón que, máis ben, o entremés está “dentro” do Entremés…, conformando só unha parte da peza, e de feito colocado no final da mesma, e non no medio, como adoitaban ser representados os entremeses no Século de Ouro.
Mais non só por iso a produción do CDG non é un entremés, senón porque ofrece un abano moito máis amplo cós mesmos, pero téndoos sempre como referencia: escenas curtas e observadas dende unha perspectiva cómica, personaxes recoñecíbeis e estereotipados, dinamismo na acción, música, baile… e sobre todo pesca, moita pesca.
Algunhas das escenas fican especialmente na retina, como os diálogos/reflexións dos peixes, a liorta entre Dona Urraca e a brava Tareixa de León na morte de Afonso VI, ou a disputa entre Portugal e España polos cartos da UE. Todas deixan, ademais, o sabor amargo da miseria humana de fondo e como esta estraga as oportunidades de entendemento. Todas estas escenas non son máis ca variacións ou mesmo anticipos do mesmo entremés que serve de leitmotiv: en todas elas se repiten os mesmos erros humanos que nos levan á traxedia.
Estas escenas están sustentadas por un elenco que, repartido entre os dous países, fai un traballo extraordinario, cambiando de rol, verso e prosa, tempo e escenario cun dinamismo que achega moita axilidade á peza, emparentando así de novo cos entremeses clásicos. Este ritmo trepidante está roto por intres de pausa e tensión dramática, como os que nos lembran/repiten unha e outra vez a traxedia que está a acontecer ou os momentos musicais, nos que hai que salientar a música en directo de Grasiela Müller e a marabillosa voz de fado de Paulo Bragança (que de feito arrancou algunha que outra ovación).
Finalmente, chega o Entremés, a peza fundacional da literatura dramática galega (observando que a Égloga de Virgine Deipara de 1581 ten partes en latín, castelán, portugués e galego). Escrita hai 350 anos (estamos de aniversario) por Gabriel Feixóo de Arauxo, o entremés conta a contenda dos labregos de Caldelas contra dxs veciñxs portuguesxs, que pretendían pescar máis do acordado (as teimas son permanentes, como lembran xs comensais do fletán) e como, a pesar de ter chegado ata o crime, os pobos poden chegar a entenderse e mesmo rematar nunha festa. O criminal recibe o castigo e o pobo baila, canta e come peixe, que máis se pode pedir?
Unha das preguntas que se repiten durante a presentación é a de por que facer este entremés agora? Se cadra polo seu aniversario. Se cadra porque non se volveu montar dende que en 1970 a dirixira Manuel Lourenzo no Teatro Circo (mesmo nome da sala portuguesa onde volverá este ano a ser representada). Se cadra porque é unha peza que fala da importancia da comunicación, das diferenzas que nos separan ou unen segundo a nosa vontade. Ou se cadra porque os peixes son os máis intelixentes de todos os que participan na peza.
Sexa polo que for, A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca no río Miño tiña que montarse. E así foi.