in

A 26ª edición do Festival Galicreques recupera o seu cariz máis internacional

Galicreques
Fotografía de Titirifué y Titiritainas. "Diente de leche".

O festival internacional de títeres, que comeza hoxe en Santiago de Compostela, ofrecerá máis de 50 funcións a cargo de 25 compañías procedentes dunha decena de países entre o 9 e o 17 de outubro.

O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Agadic, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación SGAE, celebrará máis de 50 funcións entre os días 9 e 17 de outubro. Deste xeito, o Galicreques volverá converter Santiago un ano máis na capital do teatro de monicreques. Ademais, recobrará o seu cariz máis internacional ao contar no seu programa con compañías e artistas de dez países diferentes: Xapón, Polonia, Brasil, Bélxica, Ecuador, Arxentina, El Salvador, Francia, Portugal e España.

Neste 2021, o festival recupera tamén as funcións escolares ao ofrecer sete representacións para o público dos centros de ensino tralo parón de 2020, en que só houbo retransmisións en liña por mor da situación epidemiolóxica. “Estas claves, xunto a vontade de continuar a descentralizar a programación, son os principais alicerces deste XXVI Festival Galicreques”, segundo explicou Jorge Rey, director do festival.

Seis estreas absolutas

A programación do XXVI Festival Internacional Galicreques comezará este sábado, 9 de outubro, cun total de nove funcións que se repartirán polos escenarios dos Centro Socioculturais de Vite e Santa Marta, da Carpa da Alameda e das prazas Roxa, do Toural e Praterías. Así, a animación de rúa correrá a cargo da compañía Titiribici dende as 13.00 h, cos espectáculos Pantasmas da Terra e Circo.

Xa pola tarde, en Santa Marta, chegará a primeira estrea absoluta desta edición do festival. Ás 18.00 h, Caramuxo Teatro representará por vez primeira a obra A nena que vivía nunha caixa de mistos, dirixida por Juan Rodríguez quen, xunto a Laura Sarasola, protagoniza esta peza musicada por Davide González.

Caramuxo Nelson Corsino |
A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro. Fotografía de Nelson Corsino.

A de Caramuxo será a primeira das seis estreas que ten preparadas Galicreques para este 2021. A seguinte será a da compañía galaico-francesa Moving Compass, que estreará no Teatro Principal o mércores 13 a obra TACÃO, unha peza que nos presenta a Mawala, un adolescente descubrindo a súa identidade.


Publicidade

Tacao Rocio BF |
TACÃO, de Moving Compass. Fotografía de Rocío BF.

O xoves 14, Títeres Alakrán presentará a súa obra Desconexión, mentres que A Xanela do Maxín fará o propio xa o 15 de outubro coa peza Leonardo e os Biosbardos.

A nivel internacional, unha das estreas será a de Diente de leche, unha obra dos ecuatorianos de Titerefue y Titiritainas, que mestura os monicreques coa luz negra. A obra poderase ver nas funcións escolares na Fundación SGAE e o día 16, na Carpa da Alameda. A outra obra estranxeira nunca vista en Galicia será a peza Te doy mis manos, do grupo salvadoreño Ocelot Teatro, que se estreará no Centro Sociocultural do Ensanche o xoves 14.

Presenza nos barrios

Tal e como sinalou Jorge Rey na súa intervención, unha das claves deste ano no Festival Galicreques será o achegamento do teatro de monicreques aos barrios. Haberá funcións nun total de nove centros socioculturais. A descentralización comezará  xa o sábado no xa amentado CSC de Santa Marta, pero tamén no de Vite, que recibirá a compañía aragonesa Proyecto Caravana ás 12.00 h. coa súa obra Versos en tu ventana.  Xa na vindeira semana, iranse incorporando como escenarios os centros socioculturais da Trisca (xoves 14, coa galega Olga Abad), o de Fontiñas (venres 15, cos brasileiros de Valeria&Habib), o de Figueiras (sábado 16, cos galegos de Spaguetti Títeres) ou o do Castiñeiriño (domingo 17 con Mircromina Teatro).

Na Alameda

Un dos epicentros da actividade do Galicreques será a Carpa que se instala cada ano na Alameda e que albergará un bo número de funcións, sobre todo nas dúas fins de semana e no festivo da próxima semana, o Día do Pilar. A primeira das funcións que teremos neste recinto comezará ás 12.30 h. e consistirá nunha ruada de Troula Animación, que partirá da Alameda e que percorrerá o casco vello. Media hora despois será a quenda de Raquel Queizás, que presentará neste escenario a obra Travesías. A partir dese momento e ao longo de toda a ponte, teremos compañías como Papabuis, Títeres Brincadeira, Marionetas La Estrella ou Manu Mansilla actuando en horarios de mañá e tarde.

CARTEL GALICREQUES 2021 scaled |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Metro Cadrado

Comeza a V edición do Metro Cadrado no FIOT de Carballo

CDG AGADIC

Seleccionados os elencos para as novas producións do CDG