O pasado sábado, 9 de xuño, presentamos o número 103 da erregueté | Revista Galega de Teatro, dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), na Capela do Hospital de Cangas. No evento tamén presentamos o libro coas pezas Elisa e Marcela, da Panadaría e Gena Baamonde, e O esboroamento da tenrura, de Luisma Soriano, o texto que obtivo o último Premi Born, traducido por Afonso Becerra.
No acto tiveron un lugar moi especial os agradecementos e o recoñecemento ás entidades e persoas colaboradoras, así como ás subscritoras e lectoras, tanto ás que nos puidestes acompañar presencialmente como todas ás que non puidestes estar no acto, pero que estades moi presentes nas páxinas deste número e deste libro, ou que o estivestes en números anteriores, nestas case catro décadas de traxectoria.
No acto interviron a deputada de Cohesión Social, Olga García, da Deputación de Pontevedra, e a concelleira de Cultura do Concello de Cangas, Aurora Prieto, que puxeron en valor esta publicación con sede en Cangas “que o ano que vén cumpre 40 anos e que fai un amplo labor de documentación das artes escénicas galegas atendendo á súa diversidade”; e ás que se lle agradeceu de xeito especial, respectivamente, o apoio que están a ofrecer tanto dende a Deputación de Pontevedra como dende o Concello de Cangas á revista.
Tamén se agradeceu de xeito especial o apoio da Agadic e o CDG, a Fundación AISGE, o Concello de Vigo (dende Vigocultura), o Concello de Lugo, o Concello da Coruña (dende o Teatro Rosalía de Castro), a MITCFC, o Festival Atlántica, a MIT de Ribadavia, o Premi Born, a Libraría Abrente, o FIOT e Crémilo.
Deseguido, a subdirectora da erregueté, Ana Abad de Larriva, que foi a encargada de conducir o acto, presentou tamén os contidos do número 103, nos que se recollen xéneros e disciplinas escénicas como a danza vertical e as artes circenses, a narración oral, a performance, a danza, a ópera, a maxia, o teatro de obxectos, monicreques e figuras animadas, o teatro textual, o teatro físico…, e se fai unha maior aposta por recoller o que acontece na escena galega dun xeito amplo e diverso, incluíndo numerosos artigos sobre espectáculos.
A continuación, foi Roi Vidal Ponte, membro do consello de redacción e coordinador editorial da colección de libros que edita a erregueté, quen presentou o novo volume dobre, que contou co financiamento da Deputación de Pontevedra, e que conten as pezas xa mencionadas, Elisa e Marcela e O esboroamento da tenrura.
O acto pechouse logo dun interesante coloquio co público asistente, no que tamén participaron Javier Lojo e Belém Brandido, membros do consello de redacción da revista.
Se aínda non estás subscrita/o e queres recibir na casa o número 103 e o libro, podes facelo a través do portal de subscrición.