in ,

Margem ǀ 38 Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

294756730 465436785587450 4177768647219684714 n |
Imaxe MIT de Ribadavia

A vida nas marxes

 

“Vestidos de farrapos, sujos, semi-esfomeados, agressivos, soltando palavrões e fumando pontas de cigarro, eram, em verdade, os donos da cidade, os que a conheciam totalmente, os que totalmente a amavam, os seus poetas.”

Jorge Amado, Capitães da Areia.

 

Por que a nosa atracción polas marxes? Por que o marxinal colle tantas veces o foco no teatro?

Se o teatro, como afirma Eugenio Barba, é un espazo onde reflexionar sobre a vida, a atención dos palcos polas marxes fala dos límites da nosa sociedade. O exceso de peso do normativo, do que se considera “normal” (que non é outra cousa máis que o máis habitual por número e que vai mudando tanto no espazo como no tempo) precisa contrastarse co que “non é normal”. Atopamos aí lugar para a reafirmación dos valores dun sistema, enfrontados cos considerados extremos e rexeitados polo groso do conxunto.

Mais estes espazos extremos serven tamén de alivio para unha sociedade que non é consciente da súa densidade. Malia o mandato, a inmutabilidade é imposible pola nosa propia natureza. Así a diversidade aparece pois como unha forma de supervivencia para a especie. A masa uniforme precisa de elementos discordantes para que “entre o aire” e non se produza o colapso do sistema.

As marxes son, ademais, os lugares onde aparece o prohibido. Precisamente por ser rexeitadas polo conxunto da sociedade, as marxes son os espazos onde os seres humanos podemos darnos permiso para explorar aquelo que non nos permitimos nos espazos normativizados, os que tranquilizan as conciencias.

Isto alimenta o prexuízo e así volvemos a comezar o círculo, pois non hai nada máis atraente que o vedado.

As marxes falan pois da nosa sombra como conxunto, do rexeitado por un sistema que pretende a tranquilidade do invariábel. Entón as marxes permiten a evolución da nosa sociedade, converténdose por veces en verdadeiras revolucións e motores de cambio.

Margem é o nome que a produtora portuguesa Nome Próprio deu para este espectáculo de danza e teatro que puidemos ver na 38ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, falando xusto do espazo liminal onde habita un grupo de rapaces botados fóra do sistema por diversos motivos.

Os límites mestúranse nesta peza estreada no 2018 e premiada en diversos certames como mellor espectáculo de danza (Prensa portuguesa, Premios SPA), xa que, collendo como material de base a novela Capitães da Areia (Jorge Amado, 1937), o director e coreógrafo Victor Hugo Pontes e a dramaturga Joana Craveiro exploraron a marxinalidade das crianzas e adolescentes de hoxe en día, facendo unha investigación en varios centros de acollida de Porto e Lisboa (incluíndo a Casa Pía, denunciada en 2010 por graves casos de abuso sexual a menores).

Esta mestura de espazo-tempos outórgalle a Margem o aire dunha estrutura liminal, non precisa, que navega entre as tebras do pasado e o presente, algo que por veces resulta atraínte e, por veces, xera confusión.

Quen son os novos capitáns da area? Quen son hoxe os marxinados, os rapaces obrigados a vivir fóra do conxunto xeral da sociedade? Quen os expulsados, os rexeitados, os negados?


Publicidade

Respondendo a esa pregunta, o Victor Hugo e a Joana crearon unha peza onde xs intérpretes participaron da mesma dende o comezo, non só na parte coreográfica, senón tamén nas súas propias resonancias cos diferentes materiais da investigación.

Un conxunto de intérpretes que, por certo, van mudando co tempo, nunha tentativa de manter a fidelidade ao abano de idades que propón o texto base e de reflectir unha realidade social actual. Así, ao ir medrando, hai bailarinxs que irán entrando e saíndo do elenco, o que fai da peza unha materia viva.

A novela orixinal fala dun grupo de nenos da rúa no São Paulo de 1937 que constituíron unha enorme familia propia pola necesidade de sosterse mutuamente. Nada menos que uns 100 rapaces que vivían nas rúas, roubando para poder comer e durmindo nun trapiche, formando eles mesmos unha mini-sociedade onde, como ben di o texto, “acontecía de todo”.

Así os intres de necesidade mutua, de relación homoerótica, o despertar da sexualidade ou as preguntas sobre o amor e a morte, aparecen de xeito natural neste mundo utópico nacido da necesidade.

Será porque nace da necesidade e non da decisión autónoma que este grupo de rapaces acaban caendo nos mesmos prexuízos que a sociedade que os rexeitou. Malia o apoio mutuo e o achegamento emocional, non poden evitar caer na competividade, o paternalismo, a agresión e a violencia, tal como o mundo machista que os marxinou.

Algo entendíbel, tendo en conta que o que estes rapaces queren non é máis que saír da súa marxe, ser amados, volver ás súas casas e a ver ás súas nais.

A dirección de Pontes alterna os intres de narración cos de danza. A meirande parte do discurso é descritiva, xerando atmosferas tanto coas palabras como coa escenografía (unha expresiva masa de colchóns vellos ideada por F. Ribeiro), e onde os diálogos aparecen máis como apuntamentos, como posibilidades que fican moitas veces no ar, sen concluír, apuntando tanto aos desexos como aos anuncios de traxedia.

Neste aspecto, destacan especialmente João Santos e Inês Azedo, xs intérpretes que máis texto teñen, capaces de conmover co seu discurso e ofrecer matices paralelos á acción que vemos sobre as táboas.

O traballo físico é intenso, por veces máis preto da acrobacia ou da élite deportiva que da danza, compoñento intres que comunican a súa enerxía no público, amosando o estourido adolescente.

Reflectidos se cadra nas composicións coreográficas máis impactantes, os intres de agresión colectiva á parella de rapaces que exploran a súa intimidade ou a manada que pretende forzar á única rapaza do grupo fican na memoria como pausas dramáticas dentro dun conxunto máis dinámico.

Neste sentido, todo o elenco marabilla coa súa capacidade expresiva na corporalidade e talento dancístico. Manteñen a enerxía a un altísimo nivel ata o mesmo remate da peza, logo de nada menos que 80 minutos de espectáculo.

Rematamos a peza conmovidos pola comunidade, pola posibilidade utópica dun mundo que non puido ser e polo expresivo afecto e a comunicación entre xs rapacxs (inclúo agora o xénero inclusivo para diferenciar os rapaces do texto orixinal dxs intérpretes do elenco), unha nova familia creada pola circunstancia e que axuda, as máis das veces, a curar as feridas xeradas no fogar.

Margem, Nome Próprio

Dirección: Victor Hugo Pontes

Texto: Joana Craveiro

Música: Marco Castro e Igor Domingues (Throes + The Shine)

Elenco: Alexandre Tavares, David S. Costa, Inês Azedo, Ivo Santos, João Santos, Magnum Soares, Marco Olival, Marco Tavares, Rafael Belinha, Sebastião Quintela, Tiago Ferreira

Escenografía: F. Ribeiro

Dirección técnica e Deseño de luz: Wilma Moutinho

Consultoría artística: Madalena Alfaia

 

Auditorio Rubén García, Ribadavia. 19 de xullo de 2022.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Presentacion do festival Galicia Ilusiona |

Arranca o festival internacional de maxia Galicia Ilusiona

Programación Danza no Claustro

Danza no Claustro celebra 10 anos bailando nos mosteiros ourensans