Dicir non é facer. A existencia é un conxunto de accións que dan sentido a un texto completo, un texto que cadaquén vai facendo ao seu modo porque nada hai escrito.
Nas clases de teatro, as miñas mestras, Silda Alfaro e Sonia Rúa, sempre nos ensinan a que se debe contar algo con accións, non só con palabras. E teñen toda a razón. A acción é a que leva consigo a palabra. A posición corporal dunha persoa que está interpretando un texto é moi importante para que a voz brote correctamente, para que a emoción transite os lugares adecuados e para que as palabras da personaxe signifiquen o que teñen que significar. O texto é moi importante pero as accións tamén contan a historia, son as que lle dan vida ao texto e as que o fan real. E que complicado é atopar o punto de equilibrio accional entre o exceso e a ausencia, aí está o xogo, a busca do que se quere contar. Todo o traballo que hai detrás. Tamén na vida de platea, tamén fóra do escenario.
Na vida, por moi sinceras e bonitas que sexan as palabras, se non van acompañadas de accións, de nada valen. Na vida de nada vale dicir sen facer. Sen ser. Somos o que facemos e como o facemos, non o que dicimos que imos facer. Somos o presente que comunica, que sente. E é que as emocións son tamén físicas e o corpo é o lenzo no que se debuxa o sentir. As emocións e o que por dentro somos precisan unha maquinaria que se exprese para poder saír á luz. Precisan a catarse. Ben seguro que as palabras que dicimos son vitais, mais vital tamén é a maneira na que se din, na que se accionan.
Porque dicir non é facer. E na palabra está calquera, pero nos feitos non. Calquera pode dicir pero non todo o mundo fai o que di. Non todo o mundo cumpre o que promete. Non todo o mundo actúa como di que fará. Como pensa. Como sente.
Somos un todo. Texto, espazo, emoción, acción. Comunicar é un todo. Sentir é un todo. Ser é un todo.
E xogar a ser sobre o escenario tamén é un todo.