in

A Agadic convoca unha nova edición dos seus premios de literatura dramática

O prazo de presentación de orixinais está aberto ata o 30 de abril

front view books with glasses scaled |

O Diario Oficial de Galicia  vén de publicar as bases das novas edicións dos tres premios de literatura dramática que a Xunta de Galicia convoca con periodicidade bienal: XXVII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XIII Manuel María de literatura dramática infantil e XVI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades de público infantil e adulto. Os tres suman unha dotación económica de 26 000 euros (8000 euros para o primeiro deles e 6000 euros para cada un do resto de galardóns e categorías).

Estas convocatorias comparten o obxectivo de lle servir de estímulo á creación literaria galega no eido dramático, así como procurarlle un maior recoñecemento e proxección social. Co mesmo fin e ademais das devanditas contías económicas, as bases establecen a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén con diferentes editoriais galegas.

Presentación de orixinais ata o 30 de abril

Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas maiores de idade que participen con textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. As persoas gañadoras da pasada edición non poderán presentarse ao mesmo premio ou modalidade na que resultaron galardoadas. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata o 30 de abril.

Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral. Así mesmo, para o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María, quedan excluídos os textos para teatro de monicreques.


Publicidade

Un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico será o encargado da valoración de todos os textos recibidos no prazo e forma indicados, preferiblemente por vía electrónica a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O seu ditame farase público antes do 10 de decembro de 2024 e para emitilo, teranse en conta aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada galardón e o coidado da lingua.

Na anterior edición, o premio Álvaro Cunqueiro recaeu n’O traxe, de Fernando Castro Paredes; o Manuel María foi para Nin me amoles, de Ana Carreira, e o Barriga Verde, nas súas modalidades para adultos e para rapaces foi, respectivamente, para José Luis Baños de Cos, por Nas nubes, e para Eva Mejuto, por Os contos do Lobicán.

O traxe e Nin me amoles están publicados na colección Biblioteca Dramática Galega, que a Xunta mantén con Edicións Xerais, mentres que Nas nubes e Os contos do Lobicán forman parte da serie Barriga Verde, de Baía Edicións. Os catro títulos poden adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta como nos principais puntos físicos de venda.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Babá Bebé. A Xanela do Maxín. Galicreques 23

Maxia en movemento

Paula Pier, Chus López e Sandra Pérez e María Velasco na canción Vagalume.

Paula Pier estrea ‘Eu, fraude!’ no Teatro Rosalía de Castro da Coruña