in , , ,

O Festival Abanea celebra a súa terceira edición

A programación de danza e artes do movemento desenvolverase entre mañá e o domingo

Festival Abanea 2024 reducida(1)
Foto da presentación da terceira edición do Festival Abanea. Foto da Xunta de Galicia.

Cun programa que distribuirá 16 funcións de 10 compañías entre os concellos de Foz, Outes, Ames, Marín e Allariz co apoio da Xunta de Galicia, desenvolverase a terceira edición do festival de danza e artes do movemento Abanea. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, espallará así a actividade do certame ás catro provincias e farao coa colaboración das localidades participantes e a través dun convenio asinado coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Abanea 2024 desenvolverase entre o 17 e o 21 de xullo cun programa que se espalla por espazos diversos e singulares de todo o territorio galego, levando pezas de non máis de 20 minutos de duración, de base contemporánea, que dialogan con outros estilos como as danzas urbanas ou o ballet clásico, con temáticas que xiran arredor dos soños, da dureza ou fraxilidade dos corpos, da identidade, do trauma ou do amor, creadas, producidas e interpretadas por profesionais de Galicia, México, Portugal, Madrid, Cataluña, Andalucía e Euskadi.

Foz marcará o inicio desta terceira edición de Abanea o 17 de xullo, coa exhibición na contorna do paseo da Rapadoira das pezas Ollos cara adentro, da compañía Ixa (Galicia-Euskadi); SunDogs, creada polo colectivo La Incendiaria (Galicia-Euskadi) dentro do apoio bienal do festival da edición de 2022; e Ior, da compañía Marc Fernández (Cataluña). A actividade na vila lucense complétase con dous obradoiros no Centro de Interpretación da Mariña: Danza en familia, dirixido por Alejandra Balboa, e A danza como lugar de recreo, con Yeinner Chicas, que se repetirán en todas as localidades implicadas, ao igual que o colofón da xornada, sempre co obradoiro-espectáculo A pista de baile, unha decidida aposta pola mediación de públicos facendo un convite libre á danza a través do encontro creativo entre a bailarina Marta Alonso Tejada e o DJ Set de Mounqup.

O 18 de xullo Abanea trasládase ao Espazo Museístico da Carpintaría da Ribeira de Broña, en Outes, para amosarlle ao público La declamación muda, de Melania Olcina (Madrid), Premio Nacional de Danza 2023 e Drauma, de Paulina Espinosa e Mariana Oliveira (México-Portugal), gañadoras do certame de creación Sólodos en Danza de Costa Rica con esta peza. Tamén se presentará o espectáculo Os ollos cara adentro.

Ames recibirá o festival o venres 19 de xullo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se estreará a peza Pensar a contratempo, de Suevia Rojo (Galicia-Portugal), creada ao abeiro do apoio bienal da pasada edición. Tamén se presentarán Clinch, de Ángel Durán Performing Arts (Cataluña), e a citada Drauma.

O sábado 20 a proposta trasládase a Marín, onde a contorna da praia de Portocelo acollerá unha programación de espectáculos na que repiten Drauma e Pensar a contratempo, e aos que se suma a produción Ven, coa que a consolidada compañía galega La Macana ten realizado xiras por máis de 30 países desde a súa estrea.

Finalmente, Allariz pecha o percorrido desta terceira edición de Abanea o 21 de xullo coa creación do Colectivo Premohs (Andalucía) que presenta En cuclillas na Praza do Matadoir, onde tamén poderá verse a peza Pensar a contratempo unha versión diferente de A pista de baile, nesta ocasión coa colaboración de Bigsouth- música e baile swing.


Publicidade

Residencias, encontros e  mediación

Dentro das liñas de acción do festival, Abanea xera Rede de A, que tece contextos de encontro, investigación e acompañamento ás artistas seleccionadas ata o momento no apoios por dous anos. Nesta edición o festival facilita dúas residencias artísticas: a que está a ter lugar en Bugallido, Ames, os días 15 e 16 de xullo, na que participan as catro artistas vinculadas ao apoio bienal, e a de fin de proceso que está a realizar Suevia Rojo nese mesmo concello dende o día 8 e ata o 18 de xullo.

Ademais, durante hoxe, mañá e pasado está a desenvolverse tamén en Ames un obradoiro internacional co bailarín Milan Herich (Bruxelas) centrado na técnica flying low; e o día 19 de xullo facilítase un encontro entre profesionais do sector, con diversas actividades no Pazo da Peregrina arredor da xornada de programación que terá lugar ese día.

Abanea dirixe nesta terceira edición un especial interese na creación de novos públicos e  no fomento do afecto da sociedade cara á danza. Ademais dos obradoiros que se repiten en todas as localidades, baixo a dirección de Carlota Mosquera, ponse en marcha Canle Abanea como ferramenta de interacción, dinamización e documentación do festival para conectar o público presencial e virtual dun xeito diferente e divertido en relación cos contidos do festival.

Ademais, a viguesa María de Vicente é a bailarina seleccionada este ano no programa bienal do festival polo que se apoian procesos de creación de artistas emerxentes. A intérprete, que forma parte do elenco de Dique, o novo espectáculo da compañía Nova Galega de Danza en coprodución coa Xunta a través do Centro Coreográfico Galego, creará agora unha peza para un espazo non convencional que se estreará no Abanea de 2025.

Esta programación súmase á oferta global que a Xunta de Galicia está a impulsar este verán no marco da axenda conxunta CulturON, con plans culturais en máis de 200 concellos de toda Galicia e unha media de 30 accións diarias que van desde os festivais de música, a maxia, o circo, o teatro ou a exhibición audiovisual ata as propostas expositivas dos museos, a dinamización das bibliotecas ou as actividades de circuítos como Cultura do Camiño e Danza 3, entre outros programas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Rodrigo Francisco, director do Festival de Almada, entrega o Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024 de prensa especializada a Afonso Becerra. Foto: Patrícia Poção.

Afonso Becerra gana o Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024

Xabier Deive

Morre o actor Xabier Deive aos 54 anos