UN ESPAZO DE ENCONTRO CO FOCO NOS PROCESOS ARTÍSTICOS PARA O TEATRO DO FUTURO
Que acontece cando alguén, un grupo, está facendo unha peza teatral e non ten por detrás unha infraestrutura empresarial?
Pregúntome se un “sistema teatral” ou, directamente, se as artes escénicas perden algo cando alguén ten algo que ofrecer, pero non ten as condicións que “o mercado” require para chegar aos teatros e ao público?
Outra maneira de formular esta pregunta: ¿necesitan as artes escénicas das propostas singulares do que pode acontecer nas marxes, respecto ao que consegue chegar ao público, vía axudas da Agadic e á Rede Galega de Teatros e Auditorios, e os seus equivalentes, por exemplo, en Portugal coa DGArtes e a rede de teatros públicos?
¿Que acontece con artistas emerxentes (independentemente da idade e do idadismo, que non sempre teñen porque ser de vinte anos), ou non emerxentes, que teñen unha peza en proceso ou recentemente rematada, pero que non teñen a infraestrutura nin cumpren os parámetros establecidos polas convocatorias oficiais de axudas á produción etc.?
Esta é unha cuestión que mobilizou á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a súa sección dedicada ás textualidades para os escenarios teatrais a organizar, desde hai sete anos, o FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR: GALIZA + PORTUGAL. Ofrecer a posibilidade dun espazo de confianza e complicidade para presentar esas propostas escénicas que, se cadra, non cumpren cos parámetros estandarizados ou non teñen a infraestrutura empresarial necesaria para concorrer ás axudas públicas ou para entrar na rede de teatros. Fai isto a AELG, desde a quinta edición do PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR 2022, grazas á colaboración do director artístico do Teatro Rosalía de Castro (TRC) da Coruña, Xosé Paulo Rodríguez.
Das sete propostas escénicas presentadas, catro galegas e tres portuguesas, grazas ao patrocinio do Concello da Coruña, Deputación da Coruña, CEDRO e Camões – Centro Cultural Português (CCP) en Vigo, é escollida unha delas co voto das sete equipas artísticas participantes e un xurado composto por Célia Guido Mendes, responsable do CCP en Vigo, Xosé Paulo Rodríguez, director do TRC, eu mesmo como coordinador do festival e vogal da Xunta Directiva da AELG, máis a personalidade convidada para dar unha Aula Maxistral dentro do festival, que nesta sétima edición de 2024 foi o dramaturgo, investigador, docente e exdirector da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual.
A Aula Maxistral de Roberto Pascual versou e afondou no ascenso das ultra-dereitas e de cales son os mecanismos cos que “afectan e infectan” a sociedade con ideoloxías nocivas para a xustiza e os dereitos humanos. Pascual fixo unha análise certeira da situación e tamén das consecuencias que ten respecto aos escenarios.
A outra cuestión que xustifica os esforzos da sección da AELG dedicada ás textualidades orientadas ao escénico, para facer este festival, é xerar un espazo de confianza e complicidade. Para que as persoas que están a crear as súas pezas non teñan porque facelo de xeito obrigado en soidade. Para que poidan encontrarse con outras persoas que están en circunstancias similares, para compartir eses proxectos e eses procesos. Ao fin e ao cabo, nin o teatro nin a danza nin o circo, poden ser feitos por unha soa persoa ou por alguén illado, trátase dunha arte eminentemente colaborativa, centrada no compartir.
Por iso, na apertura do VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, celebrado o domingo 27 de outubro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, desde as 10h. até as 20h., sinalabamos que o importante non era encher o teatro de público, a cantidade, senón a calidade, no sentido non “elitista” de valorar esa minoría que acude a este encontro íntimo, no que se comparten procesos e propostas de creación escénica. Un espazo íntimo, delicado, de complicidade, necesario, e ao que acoden amantes das artes escénicas e persoas relacionadas cos grupos e artistas que participan. É importante poñer en valor espazos así, onde non son os resultados, senón os procesos artísticos os que se poñen en foco. De feito, a porta do teatro estivo aberta e houbo persoas do público que acudiron para ver algunhas das propostas, na xornada da mañá ou na da tarde, e algunhas persoas que estiveron alí toda a xornada.
Outra cuestión importante que xustifica este festival tan sui generis é reforzar as pontes coa nosa cultura irmá e co que están a cocer as persoas que se dedican á dramaturxia en Portugal, dentro do denominado Eixo Atlántico peninsular. Un diálogo que é moi enriquecedor.
AS SETE PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR 2024
As sete propostas seleccionas, que se presentaron no VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal foron 4 de Galiza:
A Velha Berimbau de Sol Mariño (Sol Rivas López). Un solo no que mestura narración oral, cun texto sobre unha vella feiticeira que bailaba tan mal que chamaba a atención, con movemento e danza, utilizando a Capoeira, e coa música dun “berimbau” artesanal.
En carne viva de Andrea González García cun espectáculo no que a danza e o movemento teñen un papel fundamental, interpretado por un grupo de cinco persoas moi novas, sobre a cuestión transxénero.
Némese en tránsito de Paula Sanmartín Juncal. Un solo no que a propia actriz e creadora aparece como unha personaxe alegórica, unha serea que, envolta nas ondas mariñas, invoca e esconxura desde a filosofía e a consciencia ambiental.
Ninguén tira fotos nos enterros de Carlota Mosquera. Un solo que xoga coa auto-ficción e coa comicidade e a participación directa do público, para formular a pregunta: por que afastamos ás crianzas da realidade da morte?
As tres propostas portuguesas foron:
Carta à mãe de Luís Campião. Um solo no que o dramaturgo e actor, sen personaxe nin ficción aparente, nos le a carta que elaborou a partir doutra, que lle entregou un antigo compañeiro de aulas que estivo moitos anos no cárcere por abusos sexuais a menores. Un texto que nos sitúa ante o pensamento do monstro.
Por Favor Não Mexer / Por Favor Não Tocar de Nuna (Felice Nanete dos Santos da Cruz). Un solo no que a actriz asume o rol da activista e coloca diante de nós asuntos de xustiza, como o racismo e o colonialismo. Faino desde a memoria histórica das persoas racializadas como negras e no contexto dun museo/zoo imaxinario, no cal ela nos vai facendo de guía sobre os obxectos alí exhibidos. Tamén ofrece un cuestionamento respecto ao que, segundo a época e a cultura, consideramos arte.
Uma história de Isabel Milhanas Machado. Un diálogo no que dous personaxes, se cadra un par de actores, colocan na nosa imaxinación o que ela, un personaxe ausente, fixo. Algo aparentemente atroz, pero que, non obstante, convoca moitas reflexións, dúbidas e asombros.
VOTACIÓN POLA PROPOSTA ESCÉNICA CON POSIBILIDADES PARA SER ESTREADA COMO ESPECTÁCULO NUN DOS ESPAZOS TEATRAIS DA CIDADE DA CORUÑA
Sobre cada unha destas sete propostas, das que se presentaron 15 minutos de cada unha, houbo un tempo complementario doutros 15 minutos nos que se comentaron e compartiron impresións. Ao final, a votación das persoas que participaron coas 7 propostas elixiron:
En 1º lugar, con maior número de votos: Ninguén tira fotos nos enterros de Carlota Mosquera e En carne viva de Andrea González García.
En 2º lugar: Por Favor Não Mexer / Por Favor Não Tocar de Nuna.
En 3º lugar: Carta à mãe de Luís Campião.
En 4º lugar: A Velha Berimbau de Sol Mariño (Sol Rivas López).
En 5º lugar: Uma história de Isabel Milhanas Machado.
Pola súa banda, a votación do xurado, composto por Célia Mendes, Xosé Paulo Rodríguez, Roberto Pascual e eu mesmo, foi:
En 1º lugar: Ninguén tira fotos nos enterros de Carlota Mosquera.
En 2º lugar: Por Favor Não Mexer / Por Favor Não Tocar de Nuna.
En 3º lugar: En carne viva de Andrea González García e Uma história de Isabel Milhanas Machado.
En 4º lugar: Carta à mãe de Luís Campião.
A proposta escollida para estrear nun dos teatros municipais da Coruña, de entre as sete presentadas, foi Ninguén tira fotos nos enterros de Carlota Mosquera. Un solo en clave de comedia, con participación directa do público dun xeito divertido e non invasivo, sobre a morte vista polos ollos dunha nena de once anos. Unha peza humorística que coloca a cuestión de por que afastamos ás crianzas dun feito tan natural e importante na vida como é o da morte dos seres queridos. Unha peza que xunta, na mesma historia, a celebración dunha voda e a dun enterro, desde a perspectiva, recuperada en auto-ficción, daquela nena de once anos que foi a propia Carlota. Ademais, introduce na dramaturxia o teatro ao vivo e o teatro fotográfico, desde a sensibilidade da disciplina artística da fotografía, na que a dramaturga tamén se move.