in ,

Shakespeare na MIT Ribadavia

ternurasanzol |
'La Ternura' de Alfredo Sanzol. Foto: Rosiña Rojo | MIT Ribadavia

Todo sobre Shakespeare

Roi Vidal Ponte
| Foto: ‘La Ternura’ de Alfredo Sanzol. Foto: Rosiña Rojo | MIT Ribadavia |

 

ternurasanzol |

 

Barroco. É a palabra que mellor define o que Shakespeare é. Recolle a complexidade e a teatralidade que as súas pezas celebran de maneira enxeñosa e transcendente. Os enredos amorosos son a forma na que ese barroquismo (ou sexa, esa confusión, esa ilusión mental e óptica, ese onirismo protorromántico) se concreta nas súas comedias. A artificiosidade das tramas resólvese cun equilibrio poético na profundidade verdadeira das reflexións filosóficas. E todo, a filosofía, o amor, o enredo, o teatro, son cousas que collen tamén na definición dunha orxía. Se cadra por iso, tanto as dúas obras de Teatro de la Ciudad como o Soño de Voadora culminan todo o seu barroquismo en sendas bacanais de carne dominadas polo descontrol e o intercambio sexual dos corpos.

Ou ao mellor é que xa estaban sendo orxías desde un pouco antes de comezar.

O texto de Alfredo Sanzol, La ternura, é un auténtico pastiche orxiástico de todos os elementos que fan que as comedias de Shakespeare sexan comedias de Shakespeare. É certo que antes del había xa cousas así (Plauto e a Commedia dell’arte), mais visto en perspectiva, temos en Shakespeare un antecedente irrenunciable de todos os xéneros cómicos que viñeron despois, desde a stand up comedy até o culebrón. A confusión, os malentendidos, e o enmascaramento das identidades desenvólvense no texto de Sanzol arredor do tema da guerra de sexos. Unha guerra vista, de novo cunha mirada irónica e posmoderna, a través da recreación dunha verbalidade cáustica de ritmo incesante, quen de artellar tanto discursos humorísticos (sempre atentos á intertextualidade paródica do estilo barroco) como situacións dunha mecánica comicamente perfecta e que provoca unha fervenza crecente de risos que só poden culminar na orxía física pertinente.

A nudez do espazo baleiro énchese cunhas interpretacións pretendidamente histriónicas que se saben a mellor maneira de transmitir uns diálogos tan hiperbólicos. O toque Sanzol recibe nos tres actores e nas tres actrices un esforzado traballo actoral orientado a conseguir o riso mediante a esaxeración dos sentimentos, mais o resultado é máis burleiro que expresionista, pois é o humor o amor que achega os corpos nunha representación que demostra a utilidade escenográfica dun bo deseño de vestiario e que xoga de maneira libre coas convencións teatrais para, nalgún momento destacado, facernos ver o invisible. O disfrace barroco ten aquí unha resolución audaz e tecnicamente perfecta na superposición da voz feminina a un actor masculino disfrazado de muller, no que vén a ser un dos meirandes acertos dun director que aposta polo xogo en complicidade co público.

Pola súa banda, Andrés Lima lima a esaxeración cubríndoa con luxuria. Se Sanzol fai un cóctel con todos os ingredientes das comedias shakesperianas, Lima céntrase no uso de Soño dunha noite de verán para elaborar un relato cheo de dureza e autoficción. A súa proposta non é tan evidente coma a anterior, porque hai asperezas que manteñen o pulso traxicómico. Sueño ten un referente claro pero fai que a mirada se perda entre tantas idas e vidas entre o soño e a vixilia.

 

suencc83olima |
‘Sueño’ de Andrés Lima. Foto: Rosiña Rojo | MIT Ribadavia

 

A dramaturxia congrega varios actantes da historia orixinal en menos personaxes: Faustino, o pai do narrador encerrado no asilo da súa demencia fai as veces de rei das fadas pero tamén de vítima dos seus encantos. A flor que no drama orixinal engaiola e confunde os amoríos é aquí unha botella de xenebra. O bosque son reminiscencias bohemias con música rave. Puck ten síndrome de down. Son acertos dramatúrxicos que traen a historia a unha realidade actual e verosímil.

A función avanza entre os decorados hospitalarios e os corpos semiespidos das tres ninfas-amantes. E se cadra, logo de acostumarnos á sensualidade dos bailes e da música, o máis interesante sexa de novo a confusión de identidade na que o xénero volver ser un terreo de batalla. Será algo que volveremos ver na obra de Nekrosius: unha actriz interpretando un personaxe masculino. Neste caso, Nathalie Poza interpreta un trasunto do propio director a lembrar algúns episodios dos últimos días do seu pai e a imaxinar os soños eróticos do seu proxenitor. A actriz demostra unhas cualidades interpretativas envexables ao nos ofrecer un contraste entre a xestualidade viril pero controlada do narrador e os movementos sinuosos pero nada estereotipados, e non exentos de humor, de Helena.


Publicidade

Mais se se pode falar da presenza dun barroquismo esaxerado nunha adaptación dun texto de Shakespeare é na proposta ultramoderna que fai Voadora co mesmo material do que parte Andrés Lima. O soño dunha noite de verán de Marta Pazos e compañía resólvese en constantes chiscadelas a conflitos actuais arredor da identidade de xénero. A ambientación orxiástica volve estar presente agora nunha peza que utiliza a estética glam e mesmo a camp (ese gusto retorcido polo mal gusto) ao encher o escenario de tons rosas e brillantes.

soncc83ovoadora |
‘Soño dunha noite de verán’, de Voadora. Foto: Rosiña Rojo | MIT Ribadavia

 

O problema de Voadora cando se mete en Shakespeare é que efectivamente utiliza o texto como pretexto e as situacións, os conflitos e as palabras daquel barroco inglés tórnanse agora en chistes máis ou menos enxeñosos, en provocacións máis ou menos gratuítas, e en palabras sempre bastante violentas e agresivas. Como xa se ten apuntado tanto desde a crítica como desde o público, os produtos de Voadora substitúen a excelencia interpretativa figurativa, tanto actoral como do sentido dos textos que escolle, polo preciosismo visual e sonoro adobiado con acertos na dirección de escena (a xenial resolución da flor velenosa mediante o uso de luvas ou o atrevido (des)vestiario de Puck, así como a presenza do clown nos artesáns que representan a traxedia de Príamo e Tisbe), sempre cun sentido global do espectáculo que parte da obra de arte total e non se cingue á relixión da arte actoral como único centro da arte teatral.

Con todo, Voadora non defrauda á hora de mostrar unha vez máis o gozo visual dunha posta en escena surrealista cunha efervescencia de descubertas visuais cunha forza inusual no teatro de noso.

O reverso desta visión desenfadada e irrespectuosa está na versión que de Un conto de inverno fai o director portugués Marcos Barbosa. A súa proposta é tan minimalista como as do Brook máis radical, cun escenario dominado por un chan de area e un valado que lembran o paso fronteirizo de Ceuta ou calquera outro lugar en conflito migratorio. A coherencia desta lectura do delicioso orixinal shakesperiano está tanto no traballo da dirección para a escolla da procedencia de cada intérprete (un reino de galegos enfrontado a un reino de portugueses onde a raíña fala un español latino) como no traballo hermenéutico sobre o texto, que divide a peza en tres partes ben diferenciadas.

contobarbosa |
‘Conto de Inverno’ dirixido por Marcos Barbosa. Foto: Rosiña Rojo | MIT Ribadavia

 

A primeira, austera e lenta, presenta os antecedentes da situación e o principal conflito a partir do que evolúe a acción. A segunda é máis cómica e popular, e nela o peso dos actores galegos (Marta Pazos e Xosé Barato, sobre todo) elimina a distancia emotiva que provocaba o visionado da anterior con xogos de disfraces e de enganos resoltos de novo co centro de interese no labor actoral. A terceira e última parte é máis audaz. O director renuncia directamente á escenificación e encerra elenco e texto detrás do valado, de xeito que a narración se transforma nunha audición en off carente de imaxes. Só permanece en escena a estatua da raíña morta, que como un eterno fotograma de Carl Theodor Dreyer, introduce o milagre final coa axuda dunha música rock que é sen dúbida do mellor de todo o espectáculo.

E, con todo, a pesar de ser esta a versión máis sintética, fundamentada no ritmo das cancións e no vestiario uniforme e no espazo baleiro, non deixa de ser outro exemplo máis de barroquismo en canto a súa artificiosidade formal. É esta, pois, unha peza de visionado difícil, mais, seguramente, e a pesar da incomodidade que poida provocar a súa recepción en contraste coas outras tres, é tamén, a que ofrece unha interpretación máis fiel do sentido, o estilo e a intención da obra shakespeareana.

 

La ternura de Alfredo Sanzol
Compañía: Teatro de la Ciudad / Teatro La Abadía
Dirección: Alfredo Sanzol
Elenco: Paco Déniz, Elena González, Natalia Hernández, Javier Lara, Juan Antonio Lumbreras e Eva Trancón.

Sueño, de Andrés Lima
Compañía: Teatro de la Ciudad / Teatro La Abadía
Dirección: Andrés Lima
Elenco: Chema Adeva, Laura Galán, Nathalie Poza, Ainhoa Santamaría e María Vázquez

Conto de inverno, de William Shakespeare
Compañía: Coprodución Teatro Oficina, Centro Dramatico Galego, MIT Ribadavia 2017, Teatro Aveirense.
Dirección: Marcos Barbosa
Elenco: Alheli Guerrero, Anabela Faustino, Carolina Amaral, Xose Barato, Ivo Alexandre, Marcos Barbosa, Marta Pazos e Santi Cuquejo

Soño dunha noite de verán de Marco Layera a partir de William Shakespeare
Compañía: Voadora
Dirección: Marta Pérez Barbosa
Elenco: Diego Anido, Areta Bolado, Jose Díaz, Borja Fernández, Paris Lakryma, Janet Novás, Andrea Quintana, Anaël Snoek, Hugo Torres

MIT de Ribadavia. Auditorio do Castelo. 18, 19, 20 e 21 de xullo de 2017.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

todosobreeva |

Todo sobre Eva

ahungerartist |

Un artista da fame