Crítica

Un artista da fame

Foto: Rosiña Rojo | MIT Ribadavia

O público

| Manuel Xestoso |
| Foto: Rosiña Rojo | MIT Ribadavia |

 

 

O público é ese ente do que dependen os artistas –mesmo os da fame– e do que, non obstante, preferirían prescindir. O público é ese grupo intanxible para o que se fai a arte, aínda que case nunca conta entre as prioridades que os artistas teñen en mente cando deciden realizar a súa obra. O público tende a impoñer a súa tiranía cando conta coa complicidade deses empresarios que fan calquera cousa para conquistalo e cativalo. E o público sempre ten a razón. Ata que deixa de tela, obviamente.

O breve conto de Kafka resume cunha precisión case dolorosa a relación do artista, ou do poeta, co mundo. A dependencia –e tamén a independencia– do primeiro a respecto do segundo. A loita interna entre a necesidade de crear e a urxencia de que a creación sexa recoñecida como tal. Que podería facer que o público recoñecese a capacidade de non comer durante semanas como unha arte? A resposta debería darnos unha definición de que cousa sexa a arte. Pero esa definición, claro, só a pode dar o público. Nese paradoxo móvese o artista da fame.

E porén, o artista da fame non ten elección, porque “non atopa ningún alimento que lle saiba”. Probablemente, a súa obra é perfecta cando ninguén o observa, pero nese caso a súa arte xa non se pode considerar tal: ao contrario que a beleza da pantera, que non precisa dun xuízo que a lexitime, a beleza da súa arte sostense na aceptación da sociedade. Como diría Kant, a beleza da arte vén precedida dun proxecto presente na alma de quen a produce.

Que a arte do artista da fame se instale nun campo moi próximo ao da representación teatral pode ter que ver con que a versión de Eimuntas Nekrosius e a súa compañía Menos Fortas se aproxime máis a unha serie de exercicios escénicos sobre un texto que a unha adaptación do relato (que, por outra banda, respéctase na súa integridade). A ambigüidade que as accións lle outorgan as palabras explica por que o artista ten tantos problemas para facerse entender: o público precisa de certezas e a linguaxe da arte só ofrece cuestionamentos.

A baza fundamental de Nekrosius é aquí o xogo entre a presenza e a ausencia do artista da fame: a narradora é e, ao mesmo tempo, non é o protagonista da historia, e nese distanciamento atopa o director o antídoto contra a tentación de facer metáfora da prosa cirúrxica de Kafka. A frialdade con que se presentan os feitos non se afasta moito do desapaixonamento con que o autor disecciona o problema da liberdade do artista e provoca que o público permaneza engaiolado polo que ocorre sobre as táboas pero sen que a empatía ocupe un lugar na admiración.

Quizais esa é a mensaxe que recolle Nekrosius de Kafka e que transmite coa humildade do verdadeiro artista, que se pon nas mans do capricho do público sabendo que o seu recoñecemento signifícao todo e, ao final, non vale nada.

 

A hunger artist de Franz Kafka

Director: Eimuntas Nekrosius
Compañía: Meno Fortas
Elenco: Viktorija Kuodytė, Vygandas Vadeiša, Vaidas Vilius e Genadij Virkovskij
Deseño do espazo escénico: Marius Nekrošius
Iluminación: Audrius Jankauskas
Espazo sonoro: Arvydas Dūkšta
Vestiario: Nadežda Gultiajeva
Tremoia: Genadij Virkovskij

MIT Ribadavia. Auditorio do Castelo. 22 de xullo de 2017.

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!