Mouchos, curuxas, sapos e bruxas! Que nin pandemia nin político toleirán nos volvan pechar os teatros! Xa o escribín no xornal amigo Artezblai, na colaboración semanal que teño, pero vouno volver escribir aquí, no artigo quincenal da nosa erregueté | Revista Galega de Teatro. Cos labores de dirección, en vez de escribir tócame xestionar e chamar aquí e acolá e esas cousas de intendencia. En fin, todo sexa porque esta revista que, insisto, é de todas as persoas que gostan das artes escénicas, siga adiante. Pois iso! Mouchos, curuxas, sapos e bruxas! Escribino alí, en Artezblai, e volvo escribilo aquí, na erregueté, porque o poder esotérico da repetición conxure os bafos pandémicos e as ideas de pata de banco que pechan teatros ou que non apoian a cultura e os sectores que, dentro dela, son máis vulnerables e necesitan de máis medios para realizarse.
A repetición é unhas das bases rítmicas dos rituais e os rituais son unha das bases da danza e do teatro. E sobre rituais máxicos e esconxuradores xira Soga e cinsa de Aporía Escénica, a peza que invoca, evoca e revisa o mito das bruxas. Foron elas as que, por fin, abriron o teatro en Vigo, no Auditorio Municipal, dentro da programación de Vigocultura, despois de todo este tempo sen teatros. Foron elas as que me subiron desde a ribeira do Berbés ao monte do Castro.
Mouchos, curuxas, sapos e bruxas! Que ledicia poder ver un espectáculo con 11 actrices enriba do palco! Que fartura tan necesaria para a vista e o entendemento! Que importante poder decatarnos de que “Yes, We Can!”, de que se pode e que, incluso, engadiría, de que se debe, de que é necesario arriscarse, de que a arte tamén é risco. Que ledicia asistir a un espectáculo ambicioso, sobre todo neste panorama de empequenecemento.
E este fin de semana, de reapertura dos teatros, tamén puiden volver a Ensalle, a sala viguesa que leva desde o 2003 ofrecendo unha programación de danza, artes do movemento e teatro contemporáneo dunha coherencia sen concesións. Nada de café para todos! Ensalle posúe unha liña de programación bastante alternativa ao comercial, ao de dixestión fácil e cómoda, con espectáculos que desafían as convencións xerais da ficción e as particulares dos xéneros, con pezas que problematizan adscricións e que non comungan con tendencias populistas.
Esta finde puiden desfrutar o que non está escrito con outra meiga, neste caso a meiga da danza contemporánea Carmen Werner e El abrazo. Un dúo con Leyson Ponce inzado dunha delicada teatralidade e dun humor sinxelo e case naif, tan tan tan delicioso (si, tres veces tan, como unha campá). Os palcos son o lugar da intensificación e do extraordinario (excepto, sempre hai excepcións, no teatro postespectacular), así que ese tan tan tan delicioso é o punto xusto. Werner tamén é unha muller sabia, unha meiga da danza, porque sabe estar, sabe moverse, sabe mirar(nos). Werner sabe e dá tanto gusto contemplar corpos sabios en escena. Como loce a sabedoría nos palcos!!! Como loce!!!
Mouchos, curuxas, sapos e bruxas!