Vibración e sortilexio EM·NA
EM·NA semellan as dúas sílabas de vibración dun mantra. O e e logo o a, inverte a orde das vogais (a e): e – a. Porén, o m seguido do n respecta a orde do alfabeto. Aínda que parece un nome feminino, tipo Enma, as letras, como acabamos de ver, ordénanse doutro xeito, con ese punto no medio que liga e sostén a resonancia nasal no cranio do em, que se precipita cara á badalada do na: emmm·naaa. Non só vibra o son nos resoadores do noso corpo, tamén acontece iso cos pensamentos e coas imaxes mentais. E pode acontecer co que vemos e sentimos, se a nosa sensibilidade e atención permanecen abertas e atentas, tal cal EM·NA propicia.
EM·NA é a segunda peza do Colectivo Glovo de Lugo, formado por Esther Latorre (Lugo, 1990) e Hugo Pereira (Porto, 1994). Estreouse no Teatro Ensalle de Vigo, dentro do Festival Isto Ferve, o 26 de marzo de 2021, e puido verse tamén, nesa fin de semana, o 27 e o 28. EM·NA estivo en residencia na sala viguesa, onde Pedro Fresneda incorporou a acción lumínica. Un deseño de luz que redondea e amplifica aínda máis ese sentido dramatúrxico relacionado coa vibración e pulsado pola coreografía e polo envolvente espazo sonoro, que xera a música de BabyKatze.
A primeira peza do Colectivo Glovo é M A P A (2016), outro título de dúas sílabas ben sonoras, abertas e solares, coa resonancia do mmm que se abre cara ao a e estoura no pa. Dúas sílabas para dúas persoas, Esther e Hugo. Un dúo con múltiples zonas de movemento amplificado polo unísono. O feitizo dunha danza, dunha escoita tan radical, que converte o dous nun un. Vemos dous e sentimos un. Sentimos dous e vemos un. Xa acontecía en M A P A e volve a suceder en EM·NA. Isto lévanos a inferir que esta nova compañía de danza contemporánea, desde a estrea de M A P A en 2016, cando gañou o Premio do Público do Festival Sólodos en Danza de Ourense ou, en 2019, o 1º Premio no Certame Internacional de Coreografía Burgos – NY, até a primavera deste 2021, é probable que, en vez de lanzarse a producir cada ano un espectáculo, apostaran por afondar nesas dúas pezas que crearon en seis anos. Dúas pezas nas que se destila unha poética dancística moi singular, austera e concentrada, sen concesións a efectismos, nin sequera a poses identificables segundo estilos ou técnicas de danza. Porén, esa concentración e esa austeridade están imbuídas dun movemento de alto rigor e precisión físicas e dun estar pleno e magnético. A creatividade non se exhibe, é sutil, aparece en pequenos xestos, en figuras, actitudes, composicións e movementos dunha beleza única e vibrante.
EM·NA é unha peza dun virtuosismo dancístico delicado e, á vez, poderoso. Intensidade contida. Ascetismo electrizante. Como sinalei, Esther e Hugo, teñen un unísono que é maxia pura. É como se a diferenza se espellase na conxunción e o movemento, deste xeito multiplicado e espellado, adquirise unha vibración que nos toca e nos atrapa.
A luz de Pedro Fresneda é como unha araña a tecer unha tea que se abanea co movemento, igual que a area que move o vento ou as ondas do mar nunha praia. A vibración explícita, localizada en diferentes partes dos corpos do corpo do dúo, fai que as miradas viren e adquiran unha intensidade especial. O movemento acumúlase, contense, estoura en diferentes intensidades e proporcións, flúe e reverbera en nós sen desfacer o seu sortilexio.