in

A próxima tempada do Centro Dramático Nacional terá acento galego

Programación do CDN
Imaxe promocional do Centro Dramático Nacional (Temporada 2021 / 2022)

A directora xeral do INAEM, Amaya de Miguel, e o director do Centro Dramático Nacional, Alfredo Sanzol, presentaron desde o Teatro María Guerrero a nova programación do Centro Dramático Nacional para a tempada 2021-2022, integrada por un total de 27 espectáculos e con máis de 60 actividades transversais, que ten como fío condutor a reconstrución, persoal e colectiva.

A presenza galega na programación do Centro Dramático Nacional será relevante na próxima tempada. O teatro público contará con figuras e compañías coma Pablo Fidalgo, Marta Pazos, Esther F. Carrodeguas, Teatro En Vilo, Matarile, Chévere ou A Panadaría.

De entre as montaxes que compoñerán o cartel dos dous teatros do Dramático —o María Guerrero e o Valle-Inclán—, figuran once producións propias: a reposición d’ El bar que se trago a todos los españoles, de Alfredo Sanzol; El libro de Sicilia, onde o escritor e creador Pablo Fidalgo proponnos un caderno de viaxe para falar do tempo, a historia e a reconstrución; a estrea da última peza da triloxía de Borja Ortiz de Gondra ao redor da súa saga familiar: Los últimos Gondra (memorias vascas) aborda as feridas que transcenden xeracións —e que se exhibirá acompañada das dúas pezas anteriores—; a mirada particular de Marta Pazos á peza inacabada de Lorca, Comedia sin título; o retrato histórico- sarcástico do ADN español a través do comezo do cinema porno patrio que dirixe Chiqui Carabante en Alfonso el Africano; a obra resultante das sesións dos nosos Nuevos Dramáticos (de entre oito e once anos), Luna en Marte, con texto de Jordi Casanovas e dirección de Dan Jemmett; a nova proposta de Carolina África El cuaderno de Pitágoras, nacida da súa experiencia impartindo talleres de teatro a reclusas e recluídos; unha historia de amor en clave de lingua de signos: Manual básico de lengua de signos para romper corazones, de Roberto Pérez Toledo; a obra inédita de Juan Mayorga El Golem, que dirixirá Alfredo Sanzol; Supernormales, unha comedia aceda que nos enfronta aos nosos prexuízos sobre as persoas con diversidade funcional, escrita por Esther F. Carrodeguas dentro do programa de Residencias Dramáticas desta tempada; e Blast, unha procura aberta e colectiva de utopías, o novo traballo de Teatro En Vilo.


Publicidade

Coproducións con Chévere, A Panadaría e Ana Vallés

Baixo o formato de coprodución, o Centro Dramático Nacional acollerá un total de nove títulos: The Quest, unha incursión na fragmentación de Europa desde un punto de vista íntimo e ao mesmo tempo político, a cargo do creador belga Cédric Eeckhout; N.E.V.E. R. M.O. R.E., o novo proxecto de Chévere, que co seu particular estilo de creación colectiva a partir de técnicas documentais entrelazan a pandemia actual coa memoria do Prestige; dúas pezas que se estrearán este verán no Festival de Aviñón coproducidas por unha ampla nómina de teatros europeos, entre eles o Dramático: La última noche del Mundo, de Laurent Gaudé, dirixida por Fabrice Murgia, e FRATERNITÉ, Conte fantastique, de Caroline Guiela Nguyen, acerca da memoria das persoas desaparecidas; Rif (de piojos y gas mostaza), de Mariano Llorente e Laila Ripoll, unha aproximación para os efectos do colonialismo a través dun feito histórico concreto: o Desastre de Annual de 1921; Inloca, a nova proposta de Ana Vallés, performer e creadora de Matarile; Lengua madre, un proxecto da arxentina Lola Arias, que investiga o rol da maternidade na actualidade cun formato participativo e local; As que limpan, onde as integrantes de A Panadaría “non falan só de traballadoras da limpeza, falan de mulleres e do chan mollado sobre o que camiñamos cada día”; e Los farsantes, unha reflexión sobre a realidade e a ficción a cargo de Pablo Remón.

CHEVERE oficinaconhistoria FotoLeticiTBlanco |
Membros de Chévere na súas oficinas. Foto Leticia T. Blanco

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Canseira

Canseira

Políticas

Público, votos, políticas culturais e outras cousas de meter