in ,

Nova Galega de Danza estrea ‘Dique’

No Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Santiago, o 21 de xuño

Ensaio Dique foto Vanessa Rabade
imaxe dun ensaio de 'Dique'. Foto de Vanessa Rábade.

A estrea absoluta de Dique, a nova produción de Nova Galega de Danza, con dirección escénica de Marta Pazos, xa ten data e lugar. Será o venres 21 de xuño, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela, e haberá dúas funcións máis esa fin de semana, unha o sábado 22 e outra o domingo 23.

Dique é un espectáculo coproducido por Nova Galega de Danza e a Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, que pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente.

Dique naceu do desexo de recuperar unha historia esquecida: o labor das mulleres na construción do Dique da Campá de Ferrol. “Na súa execución, entre 1874 e 1879, 200 mulleres, as estibadoras, retiraron 245 000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas (58 000 cada unha delas); e, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes”, lembran dende a compañía.

No 150 aniversario do inicio da súa construción, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX, Nova Galega de Danza convidou a directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Un xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena querendo ofrecer “un desafío visual único, dende a exploración dos límites da forza e deixando que o telúrico se apodere da escena”. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o lixeiro.

Tradición e modernidade. Forza e resiliencia. Sindicalismo e apoderamento. Solidariedade e comunidade. Celebración e renacemento. Eses son algúns dos conceptos que están detrás da peza. “Toda unha chea de emocións e sentimentos conflúen en Dique para narrar a historia daquelas estibadoras ou cargadoras silenciadas e crear un espazo de reflexión que, nun acto de xustiza poética, está artellado polo labor dun equipo composto integramente por mulleres nos eidos artístico e técnico”, resumen dende Nova Galega de Danza.

O equipo

Directora artística, directora de escena de teatro e ópera, escenógrafa, dramaturga e artista visual, a obra de Marta Pazos destaca pola súa dimensión plástica. Con Dique a artista estrea a súa primeira colaboración coa compañía Nova Galega de Danza.


Publicidade

Nova Galega de Danza fusiona en vivo danza e música de raíz galega. Bebe da tradición e da vangarda cunha vocación universal, abrindo unha liña de traballo única arredor da danza en Galicia; unha liña que é quen de se aproximar á tradición desde unha ollada contemporánea que lle permite transcender a vivencia tradicional do folclore e darlle un novo sentir. Nos seus xa máis de 20 anos de traxectoria, baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, produciu oito espectáculos: Dique (2024), Berro (2023), Credo (2022), Leira (2020), Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003). En Dique o elenco está composto por oito bailarinas: Nuria Alaña, Carmen Cebrián, Alba Cotelo, Estefanía Gómez, Alicia López, Laura Santamariña, María de Vicente e Inés Vieites.

A carón de Marta Pazos, artífice da dirección de escena e da dramaturxia da peza, destaca, tamén, a figura da coreógrafa Belén Martí Lluch. Coreógrafa, entre moitos outros proxectos, da serie La Mesías, Martí Lluch é unha das fundadoras de Mucha Muchacha, colectivo que investiga o folclore para cuestionalo e facelo contemporáneo e que se interroga asemade con perspectiva de xénero sobre a memoria e o corpo.

A canda elas traballa, tamén, a compositora catalá Clara Aguilar. Habitual do Sónar ou do Primavera Sound, este 2024 foi candidata ao Goya pola banda sonora de Creatura e mais foi galardoada con cadanseu Premio Gaudí no 2023 e no 2024 pola mellor banda sonora.

Dique é unha coprodución de Nova Galega de Danza e Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, que conta co patrocinio da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) como espectáculo inaugural do festival no 2024. A peza ten a colaboración do Concello das Pontes para a súa posta en escena na localidade, e a compañía conta tamén con patrocinio de Vegalsa – Eroski.

Funcións de estrea

O Salón Teatro do Centro Dramático Galego (Santiago de Compostela) acollerá tres funcións:

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

BorjaAlakranfacendoaporta MOD

Os monicreques volveron á Ascensión

Avelaíña Teatro As máscaras de Ibáñez.

Avelaíña Teatro estrea ‘As máscaras de Ibañez. O marqués de Sargadelos que nunca foi’