Commedia, de Contraproducións, con 12 finalistas; Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, con 7, e A leituga, de Emedous, con 5, son os espectáculos que acaparan maior número de finalistas.
Un total de 12 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos catorce galardóns que se entregarán durante a gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Así se deu a coñecer esta tarde na tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O acto, que foi presentado pola secretaria da AAAG, Iria Sobrado, contou co asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Yolanda Pereira, coordinadora da delegación Noroeste da Fundación Aisge, que entregaron a cada finalista os trofeos e diplomas en calidade de representantes dalgunhas institucións que patrocinan os galardóns do noso teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende 1997.
A obra Commedia, de Contraproducións, acadou un total de 12 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor protagonista, vestiario, escenografía, iluminación, música orixinal e actor secundario por partida tripla, acaparando así todos os finalistas neste apartado.
Pola súa banda, Divinas Palabras Revolution, produción do Centro Dramático Galego, rexistra 7 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, actriz protagonista, actriz secundaria, adaptación-tradución, maquillaxe e escenografía.
A leituga, de Emedous Emoción&Arte, pecha a tríade de espectáculos con máis número de finalistas, xa que optará a cinco galardóns na gala: espectáculo, actriz protagonista, actor protagonista, escenografía e iluminación.
Invisibles, de Redrum Teatro, e Casa O’Rei, de Ibuprofeno, conseguiron catro finalistas cada unha. Invisibles competirá nos apartados de dirección, adaptación-tradución, iluminación e actriz secundaria. Casa O’Rei, pola súa banda, podería gañar os premios de música orixinal, texto orixinal, actor protagonista e actriz secundaria.
Talía Teatro e a súa obra O servidor de dous amos optará, ao contar con tres finalistas, aos galardóns de maquillaxe, vestiario e actriz secundaria. As obras que obtiveron dous finalistas son Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro (actriz e texto orixinal), #Camiños de Butaca Zero (texto orixinal e vestiario), e A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos (espectáculo infantil e música orixinal).
Finalmente, tres montaxes acada un finalista: Arnoia, arnoia, de PistaCatro, que competirá no apartado de maquillaxe, PATAPATÚM, de Elefante Elegante, que fará o propio na categoría de mellor espectáculo infantil, ao igual que Contos do recreo, de Redrum Teatro.
Estes doce espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan co apoio e o patrocinio de institucións como a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE ou a Fundación SGAE.
Neste ano 2019, a AAAG encargoulle ao ilustrador David Rubín a creación do cartel dos Premios María Casares. Ademais, os galardóns abren unha nova andaina nesta vixésimo terceira edición ao substituír as tradicionais xerras de Sargadelos por un novo trofeo deseñado por Paula Pereira. A AAAG tomou a determinación deste cambio tras as decisións empresarias e as declaracións sobre a acción sindical da dirección do grupo.
Repartición de finalistas por montaxes
- Commedia, de Contraproducións (12 finalistas): espectáculo, dirección (Cándido Pazó), actriz protagonista (Nuria Sanz), actor protagonista (Víctor Mosqueira), actor secundario por partida tripla (César Goldi, Avelino González e Marcos Orsi), adaptación-tradución (Cándido Pazó), vestiario (Suso Montero), escenografía (Suso Montero), iluminación (Afonso Castro) e música orixinal (Fernando Reyes).
- Divinas Palabras Revolution, do CDG. (7 finalistas): espectáculo, dirección (Xesús Ron), adaptación-tradución (Manuel Cortés), actriz protagonista (Patricia de Lorenzo), actriz secundaria (Mónica García), escenografía (Suso Montero) e maquillaxe (Fany Bello).
- A leituga, de Emedous, (5): espectáculo, actor protagonista (Antonio Durán ‘Morris’), actriz protagonista (María Vázquez), Iluminación (José Manuel Faro ‘Coti’) e escenografía (José Manuel Faro ‘Coti’).
- Invisibles, de Redrum Teatro, (4): dirección (Marián Bañobre), actriz protagonista (Mela Casal), iluminación (Laura Iturralde) e adaptación-tradución (Marián Bañobre e Santiago Cortegoso)
- Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro, (4): actor protagonista (Miguel Borines), actriz secundaria (Marián Bañobre), texto orixinal (Santiago Cortegoso) e música orixinal (Alonso Caxade).
- O servidor de dous amos, de Talía Teatro, (3): actriz secundaria (Marta Lado), maquillaxe (Martina Cambeiro) e vestiario (Martina Cambeiro).
- #camiños, de ButacaZero (2): vestiario (Diego Valeiras e ButacaZero) e texto orixinal (Esther F. Carrodeguas).
- Anatomía duha serea, de Iria Pinheiro (2): mellor actriz (Iria Pinheiro) e texto orixinal (Iria Pinheiro e María Lado).
- A nena e o grilo máis aló, de Magin Blanco e Teatro Ghazafelhos (2): música orixinal (Magín Blanco) e espectáculo infantil.
- Arnoia, Arnoia, de Pista Catro Produtora de Soños (1): maquillaxe
- Contos do Recreo, de Redrum Teatro, (1): espectáculo infantil
- Patapatúm, de Elefante Elegante (1): espectáculo infantil.