Agadic desmente a través dun comunicado que vaia haber recortes nos orzamentos do Centro Dramático Galego e do Centro Coreográfico Galego despois de que o conselleiro Román Rodríguez gardara silencio ante a denuncia da deputada do BNG, Olalla Rodil, de que se reducirían as partidas asignadas aos dous centros de produción. | Manuel Xestoso |
A Axencia Galega de Industrias Culturais desmente agora que vaia haber recortes nos orzamentos do Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego. O pasado mércores, unha pregunta da deputada do BNG Olalla Rodil ao conselleiro de Cultura, desvelaba que o Proxecto de Orzamentos para 2020 que se debe debater no Parlamento reducía os fondos do CDG de 600.000 euros a 350.000 e os do CCG, de 150.000 a 50.000. O Conselleiro, Román Rodríguez, non desmentiu estas cifras e contestou anunciando un novo estatuto para Axencia Galega de Industrias Culturais, cuxa existencia era descoñecida para a maior parte do sector profesional.
A erregueté | Revista Galega de Teatro pediulle á AGADIC a oportunidade de facer unhas preguntas ao director da Axencia, Jacobo Sutil, e recibiu por resposta un breve comunicado que di:
“Tanto o Centro Dramático Galego como o Centro Coreográfico Galego non verán diminuídas a súa dotación económica en 2020, xa que varios dos proxectos de ambas unidades de produción para o ano que vén se desenvolverán ao abeiro do programa cultural de promoción do Xacobeo 2021 e estes investimentos non se contabilizan dentro do orzamento da Agadic, senón do de Turismo de Galicia”.
Nos orzamentos da Axencia de Turismo para 2020 existe unha partida de máis de dez millóns de euros para o Xacobeo 2021, mais sen desglosar, polo que resulta imposible saber cal vai ser o diñeiro destinado ás unidades de produción.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia emitiu onte un comunicado no que se esixía que se aclarase cales van ser os orzamentos reais destas institucións, dado que o Conselleiro “nin confirmou nin desmentiu nin matizou as cifras” na súa intervención no Parlamento. Igualmente, pediu explicacións sobre o novo estatuto da Axencia Galega de Industrias Culturais anunciado por Rodríguez.
O Centro Dramático Galego vén sendo obxecto de debate dende hai anos pola baixa contratación de intérpretes, a escasa produción, as polémicas ao redor dos procesos de selección de elenco, a deriva administrativa, a burocratización e a mingua das xiras de distribución. O Centro Coreográfico Galego, pola súa banda, foi o centro dunha agre polémica o pasado mes de xuño, cando un grupo de profesionais denunciaron a inactividade do centro, a inexistencia dun plan de actuación para as artes do movemento e o que consideraban “múltiples irregularidades” na coprodución de Maestro Rodrigo, o último espectáculo promovido polo centro. Ambas unidades de produción están sen dirección despois das renuncias de Fefa Noia e de Mercedes Suárez.