in

Dez citas coas artes escénicas en Culturgal

Culturgal2019 |

Este venres comeza Culturgal, tres días nos que as industrias culturais sacan músculo e amosan o tecido creativo do país. Reunimos aquí algunhas das citas na feira que marcarán a actualidade das artes escénicas do vindeiro ano. O programa completo pode consultarse aquí.

 

Venres

1. Culturgal comeza coas Xornadas Profesionais Escena Galega, que este anos se desenvolve baixo o lema Teatros nacionais, centros dramáticos e unidades de produción públicas: distintos modelos de xestión. Até as 15:00. Entrada libre, sen inscrición previa. Os participantes e os relatores das xornadas partillarán coñecementos para a mellora nas posibilidades de xestión dentro do sector escénico profesional en tres modelos institucionais moi diferentes: teatro nacional, centro dramático e unidade de produción pública no ámbito local. As xornadas estruturaranse en tres bloques que seguirán a configuración dunha introdución realizada polos relatores á que seguirá unha quenda de preguntas e debate co público asistente, ademáis dunha rolda final de peche e conclusións ao redor dos tres modelos analizados.

2. A Rede Galega de Salas está formada pola Sala Ártika (Vigo), a Sala Gurugú (A Coruña), a Sala Ingrávida (O Porriño), o Teatro del Andamio (A Coruña) e o Teatro Ensalle (Vigo). Son os cinco espazos escénicos de titularidade privada que conforman a Rede Galega de Salas, un circuíto especial de distribución de espectáculos que promove a Agadic e desde o que se está a realizar un interesante e continuado labor de difusión cultural cara ao público. Jacobo Sutil, director da Agadic, Fernanda Barrio (Sala Ártika), Carlos Clemente (Sala Gurugú), Pedro Fresneda (Teatro Ensalle), Álex Sobrino (Sala Ingrávida) e Gema Ulloa (Teatro del Andamio) presentarán o seu labor o venres ás 13:30.

3. Haberá novidades nos orzamentos e na tipoloxía da liña de subvencións á creación escénica 2020. O venres ás 16:30, no Salón de Actos, Jacobo Sutil, responsable da AGADIC, e Belén Pichel, presidenta de Escena Galega, presentaranas ao público.

 

Sábado

4. O sábado ás 12:30 presentarase o catálogo de compañías asociadas 2020-2021 a Escena Galega. Unha ferramenta básica para a promoción e visibilización das artes escénicas profesionais galegas, asociadas no colectivo referente de sector en Galicia.


Publicidade

5. O programa de Igualdade “Mulleres en acción. Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra pon o foco sobre a tremenda lacra da violencia machista que azouta cada día a nosa sociedade. Para iso, promove accións escénicas en espazos singulares. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, a deputada de Cultura, Victoria Alonso, e a comisaria do programa, Paula Cabaleiro presentarán o programa ás 18:30 no Espazo Arte Contemporánea.

6. Escenas do Cambio, o festival de teatro, danza e arte en acción que organiza Cidade da Cultura co comisariado de Pablo Fidalgo, chega á súa sexta edición: unha nova cita na que gozar das propostas máis vangardistas da escena galega, nacional e internacional. Unha edición que ademais explora na idea de percorrido, de camiño, de peregrinación, achegando a súa programación ao Xacobeo 2021. Presentarase ás 19:00 no Espazo Arte Contemporánea.

7. Despois dos pases previos no Festival de Cans e en Cineuropa, ás 19:00, no Salón de Actos, poderemos ver a longametraxe Eroski-Paraíso dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron a partir da obra homónima da compañía Chévere. A historia de Eva, Antonio e a sala Paraíso na ollada da súa filla Alex. Un luxo poder descubrir a película días antes da súa chegada ás salas comerciais, o vindeiro 13 de decembro. Asistirán Xesús Ron e Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, actriz e actor protagonistas.

 

Domingo

8. Ás 12:00, no Auditorio do Pazo da Cultura, poderemos ver Lambetadas, de Talía Teatro. Un espectáculo para público familiar e infantil, recomendado para nenas e nenos de 6 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. O traballo de creación baséase nos textos encargados ex profeso a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa), que son levados a escena baseándose no universo do clown e nas técnicas do teatro de obxectos.

9. O número 5 da colección «O papel do teatro», que dá cabida ás obras producidas polo Centro Dramático Galego, e coeditada pola Xunta de Galicia e Edicións Positivas, preséntase ás 13:00 no Espazo Libro. DramaturXa é froito directo do labor desenvolvido dentro do proxecto DramatURXENTE de apoio á dramaturxia galega contemporánea iniciado polo CDG en 2015. Despois de levar a escena e de publicar dúas das obras que se escribiron no grupo de traballo de dramaturgas e dramaturgos coordinado polo autor, actor e director Manuel Lorenzo, reúnense agora neste volume as dez obras restantes: Cuncas dos nosos ollos, de Lois Blanco Araúxo; Albaroque, de Ana Carreira; O ronco do carneiro, de Santiago Cortegoso; A terra onde veñen morrer as baleas, de Ernesto Is; Vera, de Eva F. Ferreira; Que veñan os cans, de Zé Paredes; Wonderland, de Avelina Pérez; O péndulo, de Marta Pérez; Bic, de Gloria Rico, e Lar, de Rosa Puga Davila; dez tramas habitadas por personaxes que se multiplican ata o infinito, para botar algo de luz sobre o camiño da identidade, individual e colectiva, galega. Presentan: Jacobo Sutil Nesta, director da Agadic; Francisco Macías, director de Edicións Positivas; e Manuel Lourenzo, autor e director teatral, coa participación de autores da publicación.

10. Ás 13:30, no Espazo Foro, preséntase o proxecto Camiño Escena Norte, un proxecto de intercambio cultural por medio das artes escénicas entre os territorios do Camiño de Santiago do Norte (Galicia, Principado de Asturias, Cantabria e Euskadi). Promovido por Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE e Eskena. Diego V. Meizoso, coordinador do proxecto, presentará Camiño Escena Norte xunto con representantes de diferentes entidades colaboradoras.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

fugas1a |

Comeza a IV edición de Fugas e Interferencias, Congreso Internacional sobre Performance

Kukas |

Premio da Cultura de Galicia para Os Monicreques de Kukas