O espectáculo Só de Xampatito Pato triunfou entre o público cun espectáculo de acabado limpo e trazos firmes no seu deseño. | Xoán C. Riobó | | Foto: Luis Montero |
Esta última edición de FETEN (Feira Europea de Artes Escénicas para Nenas e Nenos), que se desenvolveu na cidade de Xixón entre os días 8 e 14 de febreiro, contou coa participación de 4 compañías galegas que exhibiron os seus traballos ao longo da semana. A primeira en saír foi Pistacatro, nesta ocasión co espectáculo itinerante Mezzo: O fantástico circo de insectos xigantes do doutor Mezzo, que transcorreu por varios espazos ao longo do paseo de Begoña; Eme2, cos seus habituais bonecos de mesa, estrearon Titiricuentos, espectáculo composto por tres contos e dirixido a público de 3 a 7 anos; Os monicreques de Kukas chegaron cun duplo programa. Participaron co espectáculo de gran formato Arlequina, marioneta que fai unha viaxe na procura da súa identidade. Tamén montaron nunha sala do Antigo Instituto a exposición Os monicreques de Kukas. Exposición 40 aniversario, con escenografías e monicreques dalgúns dos espectáculos creados ao longo da súa traxectoria.
Finalmente Xampatito Pato realizou unha representación en sala e dúas no paseo de Begoña co seu espectáculo Só. Sorprendeu a proposta polo acabado limpo e os trazos firmes do deseño, composto pola manipulación dos elementos que manexa en escena, a creación do personaxe e a relación deste co público.
En Só vemos a un personaxe excesivamente maniático pola orde. El só exhibe as súas habilidades con pelotas de rebote e malabares e tamén con caixas de puros que ordena minuciosamente para facelas voar ou crebar en perfecto equilibrio. Con números de trileiro ou sacando a un espectador para competir nos equilibrios dunha torre feita coas mesmas caixas, vai fiando sen palabras esa engrenaxe en contacto directo co público que rápido entra na clave cómica do humor branco e do xogo co factor sorpresa. Un fermoso equilibrio entre a harmonía e o caos, entre o humor e a boa execución dos números, moitos deles clásicos.
Jesús Velasco (Xampi), é un galego que decidiu seguir aprendendo a arte circense e abrirse á vida máis alá de Galicia. Para moitos é un descoñecido e por iso quixemos saber quen é realmente este home de carácter afable e trato próximo. Para satisfacer a nosa curiosidade tivemos con el un momento de conversa tomando un café.
Estiveches moitos anos fóra de Galicia. Pódesnos contar como foi esa etapa?
Comecei como bolseiro en Circonove. En 2013 quería viaxar e ver máis culturas e marchei a Madrid á escola de circo Carampa. Alí estiven dous anos formándome. Á vez creei Pass & Company con catro malabaristas máis de distintos países. Gañamos o Talent Madrid na disciplina de circo e artes alternativas que se desenvolvía nos Teatros del Canal e tamén tivemos un premio no Off de Valladolid. Isto deunos ás e durou cinco anos. Neste tempo tamén estiven colaborando na compañía que os Gandini Juggling teñen en España. Con eles fun ao Idel Festival de Moscova e a Le Channel Scène Nationale de Calais. En 2018 regreso a Santiago cunha man diante e outra detrás, en plan anónimo porque ninguén me coñecía.
O espectáculo Só creáchelo en Santiago?
De Madrid traía algunhas ideas deste espectáculo. Despois de facer toda a escenografía e fabricar 100 caixas de madeira con meu pai, tiña que darlle vida a todas as cousas que eu debuxara e escribira. Estiven todo un verán traballando de residencia en Villestro, Figueiras e Santa Marta. Nestes espazos traballei na creación dunha linguaxe, na montaxe das secuencias e investiguei nas posibilidades das caixas. A caixa de puros é unha disciplina que non está moi vista e estiven un ano enteiro investigando esta técnica.
Arturo Covas axudoume na dirección para crear un fío condutor e que as transicións entre escenas quedaran sólidas. El podía ver desde fóra o que eu estaba facendo. Á hora de crear gústame que a xente se ria, a escoita é moi importante. Eu busco o humor e Arturo é un especialista. Hai moitas cousas que chegaron casualmente: a fotografía, as cores, a barba ou mesmo a torre de caixas coas que comezo o espectáculo. O deseño de luz fíxeno nunha residencia en Santander. A selección musical igual levoume máis tempo que o espectáculo.
No tempo da creación parei para facer algunha substitución na Orquestra de Malabares de Pistacatro ou na compañía inglesa Chipolatas cos que fun a China en dúas ocasións. Con estes últimos traballo cando veñen por Europa. Cando tiña avanzada a montaxe selecciónanme para CircoRed en Conde Duque onde expoño este traballo durante 15 minutos nun showcase. Gusta aos programadores e distribuidores e vese que o espectáculo ten boas maneiras. Xa co traballo rematado estreei en Circada 2019, Sevilla. Saquei o segundo premio e oito máis pequenos. Foi un impulso para ter visibilidade. Alí coñecín a María Mariño de Kandengue Arts que apostou por min. Pasei de ter 3 bolos a 40. E eu aínda non era coñecido en Galicia.
Estás preparando unha nova produción?
Xa que esta chámase Só, a próxima será Compaña. Non quero dicir nada. Do que pensas ao que se transforma é un mundo que non podes controlar. Agora quero traballar, saír fóra de España. O idioma do espectáculo é mudo e pódese levar a calquera país.