A crise provocada pola pandemia deixa en evidencia a fraxilidade das estruturas culturais en toda Europa, nas que se xuntan unha elevada porcentaxe de autónomos e empresas de menos de dez traballadoras, a contratación a tempo parcial e a flexibilidade laboral e un acceso moi limitado ou nulo a prestacións sociais. O peche de teatros, salas de concertos, cines, librarías, museos… e o aprazamento ou cancelación de eventos pon contra as cordas o tecido cultural e ameaza a súa supervivencia. As respostas ante esta crise varían segundo cada país. | Manuel Xestoso |
Quizais o primeiro país en responder, e dun xeito contundente, foi Alemaña. Xa a primeiros de marzo, a ministra de Cultura, Monika Grütters, declarou a cultura “ben de primeira necesidade”, asegurando que non ían deixar caer a creadores e creadoras, comprometéndose a “achegar fondos adicionais de emerxencia co fin de reducir as cargas que xurdiron e as que se aveciñan”. Uns días despois, o Goberno Federal aprobaba un paquete de axudas extraordinarias de 50 mil millóns de euros para autónomos e pequenas empresas, unha categoría na que se inclúe a meirande parte do tecido da industria cultural. “Coñecemos as necesidades e coñecemos a desesperación”, declaraba entón Grütters. “o sector cultural caracterízase por unha elevada proporción de traballadores independentes que agora teñen problemas que ameazan a súa supervivencia. Xa que logo, alégrame poder dicirlles que a axuda está a chegar”.
Ademais, existen outras medidas de carácter sectorial, como os dezaseis millóns de euros dedicados á industria cinematográfica, e as partidas que dedican os distintos gobernos rexionais –os Lander– a minorar os efectos da pandemia.
Francia tamén foi veloz na súa resposta: o 18 de marzo, o ministro de Cultura, Franck Riester, anunciaba –ademais das medidas xerais previstas polo goberno do Estado– un fondo de urxencia de 22 millóns de euros destinados á música (10 millóns), ás artes escénicas (5 millóns), á edición (5 millóns) e ás artes visuais (2 millóns). O Centre National du Cinéma, ademais, comprometeuse a pagar por adiantado as axudas ás salas de arte e ensaio e á distribución. “O futuro do noso modelo cultural está en xogo” declarou Riester ao presentar este plan de urxencia ante os medios.
No Reino Unido, un dos países que máis tardaron en reaccionar ante a ameaza da pandemia, o Arts Council británico anunciou un fondo de emerxencia –que xa acada a cifra de 160 millóns de libras (uns 175 millóns de euros) en resposta á crise. As axudas estarán dispoñibles para institucións culturais, empresas e persoas físicas. Os autónomos do sector terán dereito, durante tres meses, ao 80% do seus ingresos medios mensuais nos últimos tres anos fiscais, cun límite de 2.500 libras (uns 2.850 euros).
Italia tamén se manifestou con contundencia ante a grave crise provocada pola Covid-19. Dentro dos vinte e cinco mil millóns de euros do fondo de crise nacional Cura, instituído o pasado 16 de marzo, existe un capítulo especial para as artes escénicas de 130 millóns de euros, unha cifra que se irá axustando e actualizando en función dos acontecementos. Ademais, trátase de protexer ás autónomas do sector, mediante subvencións de 600 euros, e ás pequenas e medianas empresas con suspensión de pagamentos de impostos e reembolsos con vales de exposicións ou espectáculos cancelados. Tamén se liberarán entre 100 e 150 millóns de euros para protexer a traballadoras eventuais que quedaron fóra das medidas xerais tomadas polo goberno.
Portugal creou unha “Linha de Apoio de Emergência ao Setor das Artes” que, dotada cun millón de euros axudará entidades artísticas e artistas das artes escénicas, visuais e multidisciplinares. O Instituto do Cinema e Audiovisual tamén anunciou medidas extraordinarias. Garántense os apoios convocados antes da crise, asegúrase o dereito ao financiamento de todas as actividades programadas aínda que “manifesta e comprovadamente” non sexa posible reprogramar os eventos cancelados posteriormente ao 13 de abril, e flexibilízanse as regras para acceder a apoios da Direcção Geral das Artes. Ademais, aprobouse unha medida extraordinaria para os autónomos que teñan creba na súa actividade, un suposto ao que se poden acoller un gran número de traballadoras do sector.
Tamén Austria e Suíza crearon fondos para artistas e institucións culturais co fin de asegurar a súa subsistencia.
Decepción no Estado español
O goberno do Estado Español mantívose durante semanas gañando tempo mais sen tomar medidas concretas. O 18 de marzo, o ministro José Manuel Rodríguez Uribes anunciou que mantería conversas telefónicas con representantes do sector cultural “para lles trasladar as medidas aprobadas polo Goberno en apoio á economía e a sociedade, da que o sector cultural forma parte fundamental” e para que estas fixesen propostas concretas. Durante tres semanas, as asociacións profesionais fixeron públicas diversas propostas, entre elas as 52 medidas extraordinarias para as artes escénicas e musicais propostas por varias federacións estatais nas que se integran a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega ou UNIMA-Galicia entre outras ou as medidas para a danza, o circo e as artes da rúa reclamadas nun documento específico.
Mais na primeira comparecencia de Uribes ante os medios, a decepción foi maiúscula, xa que non ofreceu ningunha medida específica para o sector e limitouse a declarar que “non mobilizamos fondos específicos porque mobilizamos fondos xerais”, e a repetir que esta é “unha crise global que afecta a todos os sectores”.
Esta comparecencia provocou o rexeitamento unánime do sector, que esixiron unha rectificación do ministro. As múltiplas reaccións negativas levaron ao goberno do Estado a corrixir a súa posición inicial e a declarar que ía “estudar a singularidade do sector cultural”, anunciando unha próxima xuntanza con representantes do sector da cultura na que participará María Jesús Montero, ministra de Facenda e voceira do Goberno central.
Reunión informal dos ministros da UE
Mentres tanto, os ministros de cultura da Unión Europea mantiveron o pasado venres unha “videoconferencia informal” presidida pola ministra croata Nina Obuljen Koržinek. Nela, a comisaria para a Innovación, Investigación, Cultura e Educación, a búlgara Mariya Gabriel, suxeriu que –ademais dos programas xa existentes e destinados ao sector, como Europa Creativa– algúns paquetes destinados pola UE para responder á crise poidan ser utilizados para reforzar o sector cultural e creativo. Isto significaría poder participar dos fondos do Coronavirus Response Investment Initiative, que dispón de trinta e sete mil millóns de euros, ou do fondo comunitario creado para enfrontar o desemprego, que conta con sumar cen mil millóns de euros.
Mariya Gabriel adiantou un conxunto de medidas concretas para defender o sector cultural, incluíndo apoios para áreas específicas, como o cinema, as artes escénicas e a tradución literaria, e a creación de dúas plataformas dixitais: unha para intercambio de ideas e informacións entre os ministerios dos países da Unión e outra para que os axentes culturais suxiran solucións para enfrontar a crise. “É importante compartir información e boas prácticas entre todos os Estados membros en tempo real, se é posible, en tempo real”.
“Precisamos un relanzamento europeo da oferta e a demanda cultural”, declarou o ministro francés, Franck Riester, “e o lugar do dixital será fundamental. Temos que promover o noso modelo. É unha cuestión de soberanía política e económica”.
ë que isto sempre tufou e seguira a tufar despois do coronavirus. anon e de estranar, pois estamos cheos de merda ata o nariz, especialmente acumulada no centro deste remuíño, e que esparexe para todos os lados, salvo cando toca absober; “La capital como un remolino absorbe todo nuestro pais”(que dirían os Calchaquis ou Quilapayún, non sei). Agora esparexeron coronavirus, ignoracia e desprezo cara cultura. Tocara meter tesoira, pero ollo, hai que saber metela ben.
“La capital como un remolino absorbe todo nuestro pais”(que dirían os Calchaquis ou Quilapayún, non sei). ”
Eran los Calchakis con el Chamamé Federal.