O obradoiro, baixo o título “Celos. Nivel usuario avanzado” investigará as relacións amorosas e a posverdade a partir da traxedia shakesperiana.
Que relación teñen a violencia de xénero e a posverdade no século XXI? Como se constrúen as mentiras? Conseguirá Iago un ascenso na axencia de fake-news para a que traballa? Teñen Otelo e Desdémona revisado os límites co seu matrimonio co terapeuta de parella? Bianca e Casio viven nunha relación poliamorosa? Reflexionan Rodrigo e Barbantio sobre a construción das novas identidades no círculo de homes? Quedou sen pilas o altofalante de Emilia na manifestación do 8-M?
A partir destas preguntas, a compañía Voadora constrúe un obradoiro que tratará os temas que aparecen no Otelo de Shakespeare para observar como evolucionaron ata o nosos presente ou como cristalizaron no tempo.
O obradoiro, que terá lugar no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, do 18 ao 21 de xullo, e en sesións de 10:00 a 14:00, investigará en escena o tema dos ciumes, dende unha perspectiva diametralmente oposta á tráxedia shakesperiana, empregando a comedia como xeradora de discurso sobre a dor e a carraxe, compartindo os materiais que caracterizan a linguaxe teatral da compañía.
O obradoiro está dirixido a artistas de todas as areas e a persoas interesadas en investigar nas relacións amorosas e na posverdade. Non se require experiencia escénica previa, e estará limitado a 12 persoas. Para inscribirse, dende hoxe até o 7 de xullo, é preciso enviar un email co CV e unha historia persoal de ciumes en 140 caracteres a [email protected].
Voadora prepara unha montaxe do Othello de Shakespeare para o ano próximo no que dará especial relevancia aos personaxes femininos.
Voadora
A compañía Voadora, fundada no ano 2007 pola directora de escena Marta Pazos, o actor Hugo Torres e o produtor Jose Díaz é unha referencia na vangarda teatral. Algunhas das súas postas en escena máis relevantes son: Super-8, Waltz, Tokio3 –que foi finalista aos Premios Max 2013 ao Mellor Espectáculo Revelación–, A tempestade, Calypso, Martes de Carnaval –para o Centro Dramático Galego–, Soño dunha noite de verán ou Garage. Recentemente estreou a ópera A amnesia de Clio –con libreto de Fernando Epelde e música de Fernando Buíde– a primeira ópera galega de gran formato do século XXI.
A ollada irreverente e unha coidadosa posta en escena caracterizan o seu traballo. A compañía aposta pola investigación na creación contemporánea cun equipo formado por artistas de diferentes disciplinas, cuxa hibridación resólvese, en cada peza creada, nun acto de profundo amor pola arte.