in

El diablo en la playa

Diablo en la playa | Matarile
Rubén Vilanova

A morte da realidade

ǀ Iván Fernández ǀ
ǀ Foto: Rubén Vilanova ǀ

 

Matarile presentou esta pasada fin de semana na Sala Ártika de Vigo a súa nova montaxe, El diablo en la playa, coa que chegan á nada desprezable cifra de 30 de espectáculos. Trinta coma os anos que a compañía cumpriu enriba das táboas no 2016, e que a converten nunha das máis senlleiras do noso panorama teatral.

Con El diablo en la playa, Matarile segue a coñecida liña de creación de Ana Vallés, fundindo persoas con personaxes, luces e vibracións sonoras, nunha atmosfera (firmada co selo indiscutible de Baltasar Patiño) que por momentos parece sacada dun soño, deixando imaxes marcadas na retina. Dalgún xeito, esta peza continúa o camiño de investigación trazado pola súa peza anterior, DAIMON y la jodida lógica, mais, se na anterior atopabámonos co demo que cada un de nós leva dentro, nesta podemos observar o propio e mesmo inferno.

Ficción e realidade fusiónanse dun xeito extremadamente poético, a través da conxunción de dúas personalidades como son as de Celeste e Claudia Faci, quen de feito se atopa no celme da orixe desta creación. Os universos destas dúas mulleres (únicas, irreverentes, magnéticas) coliden e estoupan nun big bang que vai dende o propio ao común, dende o biográfico ao universal, dende a introspección á comunicación coa outra e, alén, cx espectador/x.

É por iso que penso/sinto que esta peza podería chamarse “A morte da realidade”, pois xoga coas diferentes realidades que nos presenta creando con elas un universo paralelo, sen sabermos nunca se este é imaxinario ou non. Xoga coa relación entre as intérpretes e con como esta podería ser. Preséntanos a súa intimidade máis espida, envolta en tenrura e crueldade. Amósanos como o caos tan referido na súa prosa (seguindo a filosofía de Deleuze), atopa efectivamente unha orde, a orde persoal de dúas mulleres únicas na súa especie.

Mais, tamén, podería chamar a esta memoria emocional “A morte da ficción”, xa que ao tempo que a peza xoga coa realidade, amósanos diante dos nosos ollos todo o artefacto espido que a constrúe: o artefacto teatral, artístico, a composición danzada, a idolatría e o imaxinario Rock, de tal xeito que esta tripa exposta conxuga unha realidade, se cadra, máis forte que a propia, que a que temos.


Publicidade

En El diablo en la playa atopo unha coherencia que ten que ver coa verdade (si, tamén podería chamar a este artigo, “A morte da verdade”), con esa verdade tan persoal que a Vallés vén amosando en cada unha das súas montaxes e, de xeito específico, en Teatro invisible. Se son moitas as veces que hoxe en día podemos atopar “o teatro dentro do teatro”, nesta proposta podemos ver xusto o contrario, “o teatro fóra do teatro”.

Por certo, eu quero saber onde se acada unha alfombra/praia desas até a que chegan as ondas.

 

El diablo en la playa, Matarile Teatro

Dirección: Ana Vallés
Interpretación: Celeste e Claudia Faci
Textos: Ana Vallés
Outros textos: Celeste e Claudia Faci
Coreografía: Celeste e Claudia Faci
Iluminación: Baltasar Patiño e Miguel Muñoz
Espazo escénico e montaxe musical: Baltasar Patiño
Vídeo proxección: Matarile Teatro
Vestiario: Matarile Teatro, Naftalina e Nuria González
Documentación proceso: Matarile Teatro
Fotografía: Rubén Vilanova
Edición e publicación dos textos finais: Ediciones Invasoras
Promoción e difusión en medios: Juancho Gianzo
Vídeo difusión: Edición Rusa
Soporte técnico e loxística: RTA e Matarile Teatro
Asistencia técnica en xira: Miguel Muñoz e RTA
Produción e distribución nacional: Juancho Gianzo

Sala Ártika, Vigo. 12 de decembro de 2020.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ningures | Teatro ó cubo

Teatro Ó Cubo estrea ‘Ningures’

Portada Erregueté número 100

Esta revista non é miña