in

Mapa

Mapa | Colectivo Glovo
Foto de Manu Lago

Ampliar o mapa

 

O pasado 22 de decembro, o Colectivo Glovo, integrado por Esther Latorre e Hugo Pereira, presentaba no Vello Cárcere de Lugo o resultado final da residencia artística de Mapa. Despois de recorrer espazos non escénicos de Portugal, Italia, México, Galicia e outros puntos do Estado español, esta galardoada peza atopou neste espazo da cidade na que reside a compañía un dos lugares máis axeitados para se despregar. Foi alí, no centro do panóptico, onde Esther freou ese cruzarse primeiro polas celas, e deu comezo a partitura, ora marcial, ora de cortexo, entre os dous. A danza sucedeu alí, no centro deste espazo que abriu as súas portas no ano 2017 como centro cultural sen perder as súas marcas, a memoria das vítimas da ditadura, presos e presas que tamén alí se serviron da cultura como forma de resistencia ante a represión.

Para os seus creadores, Mapa é o espazo que entre un corpo e outro está feito de cidades, máscaras, muros, arames, estradas que corren pola pel, velocidades que se entrecruzan. O seu proceso creativo comezou no ano 2016, ano no que Esther e Hugo fundaron en Valencia a súa compañía. A peza, que comezou trazando liñas nun papel, fixo tamén aos bailaríns naquela altura buscar tempo, fóra das liñas dos horarios do traballo e dos límites das inercias do cotiá, para crear. Él natural de Porto, graduado no Conservatorio de Danza de Aveiro en 2015, formou parte da Companhia do Norte. Ela, graduada no Conservatorio Profesonal de danza de Lugo, pasou por Maduixa Teatre ou Gerard Collins, entre outras compañías. O proceso levounos das fronteiras do propio corpo ás fronteiras que dos corpos marcan as cidades ou os estados. Lóxicas de pertenzas e exclusións que quixeron levar á danza. No pasado 2020 a peza adquiriu novas significacións, agudizadas esas fronteiras que quixeron tratar ou  convertidas as cidades en mapas cheos de normas onde o espazo esixe manual de instruccións para ser habitado, cando non en espazos baleiros, exteriores pechados. Pensala á luz deste contexto e para ese espazo do Vello Cárcere foi o obxectivo da residencia artística.


Publicidade

O mesmo tempo en dous corpos, sincronizados na súa pauta, só quebrada por algunha pausa e polos sons guturais de Esther, coma o animal que se resiste a ser domesticado, coma o salvaxe que excede -inda, a pesar de- as ringleiras e os traxectos do metro. O público aplaude intensamente. A escena, os aplausos, repítense, si, coma se a potencia dun corpo que danza espertase a nosa, coma se a nosa man tocase o aire coa man de Hugo. Coma se esa ave que formaron entre os dous axitase as ás para mover algo dentro de nós, coma se só o corpo puidese facelo: desenrolar o espazo.

Pero os 15 minutos de peza non remataron cos aplausos. Esther e Hugo levaron a ese centro xa transformado dúas cadeiras, e tomaron asento para falar co público, nun xesto que completou a potencia da súa presenza escénica, asumido ese outro movemento de contarlle ás persoas presentes  por que, como, cando. Contarlles, por exemplo, que no ano 2019 decidiron  asentarse en Lugo, a cidade natal de Esther Latorre. Que este ano, por primeira vez na súa traxectoria, dispuxeron dun espazo quente durnate dez días para pensar Mapa entre o Auditorio Gustavo Freire e a Escola Palimoco. Que a peza que acabamos de ver forma parte das xornadas ‘Atopémonos Danzando’,  que organizaron co Concello de Lugo, e que terán continuidade en febreiro con pezas e obradorios da man de artistas como Cris Vilariño, Diego M. Buceta, Fran Martínez, Alejandro Balboa ou a compañía Exire. Contaron que artellar estas xornadas é unha mostra do que queren facer: rede e tecido coa vida da cidade. Do outro lado escoitouse: unha posta en común honesta e outro xeito de flexibilizar esas liñas, de crear vasos comunicantes, de abrir as estradas, de ampliar o mapa.

Mapa, Colectivo Glovo

Creación e interpretación: Esther Latorre e Hugo Pereira
Música orixinal: Armand Amar e Sidney Bechet
Vídeo: Manu Lago
Espazo sonoro: Colectivo Glovo
Co apoio de: Galicia Danza Contemporánea e SóLODOS

Xornadas ‘Atopémonos Danzando’. Vello Cárcere, Lugo. 22 de decembro de 2020.

Nieves Neira Roca

Nieves Neira Roca

Nieves Neira Roca (1983) é xornalista e actualmente escribe unha tese de doutoramento na USC no ámbito da teoría da literatura e crítica literaria. Formouse en artes do corpo e do movemento e é parte da asociación 3monos para a promoción das artes escénicas, coa que organiza o festival lugués Cartografía en Movemento. Codirixe canda María Grandío a editora Ámboa. É integrante da Fundación Uxío Novoneyra. Dende finais do 2020 forma parte do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

XVII Gala Manicómicos

Gala XVII aniversario de Manicómicos

Certame Nova Dramaturxia Galega Actual de Feira do Leste

O Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual consolídase na terceira edición