in

Ana Abad de Larriva gaña o primeiro Certame de Microteatro da Memoria

Ana Abad de Larriva

Un biolo na noite é o título da peza coa que a autora viguesa acadou o galardón. Un total de 22 textos foron presentados á primeira edición deste certame sobre a memoria histórica.

 

A dramaturga Ana Abad de Larriva, subdirectora da Revista Galega de Teatro | erregueté, vén de gañar o I Certame Microteatro da Memoria, convocado pola ESAD de Galicia e a Deputación de Pontevedra, coa peza Un biolo na noite, unha dramaturxia sobre a rede de apoio e afectos das mulleres galegas na guerra e na posguerra.

O xurado da primeira edición do premio, composto pola escritora e xestora cultural Eva Mejuto, a directora teatral e docente da ESAD Irene Moreira e o dramaturgo e membro do consello de redacción da erregueté Ernesto Is, escolleu o texto de Ana Abad como gañador polo seu “artellamento espacial, vencellando as atmosferas do monte e da natureza coa intriga dramatúrxica e a historia dos personaxes a través dun diálogo áxil e profundo”. Así tamén, o xurado salientou a poética da autora no desenvolvemento da temática e “o emprego dos recursos teatrais que están fiados cun tratamento lingüístico excelente”. A acta destaca, tamén, a calidade, variedade temática e sensibilidade das 22 pezas presentadas a concurso.

A partir de coñecer un caso histórico acontecido no Baixo Miño que me emocionou moito, quixen escribir unha peza que afondase na dor e na angustia caladas, mesmo levadas á tumba, de tantas mulleres durante a represión franquista. Nos seus sacrificios e heroicidades silenciados, esquecidos; na aniquilación do seu dereito a manifestar o dó. Un biolo na noite xurdiu como unha lembranza dun feito moi lutuoso e de quen o viviu na propia carne, e, sobre todo, como unha homenaxe poética, libre, a unha muller valente, María, que, como tantas outras, atravesou a noite, en silencio, para abrir un biolo no medio da escuridade. Nela está tamén a memoria de todas esas outras mulleres


Publicidade

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva é actriz e dramaturga; titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, e licenciada en Xornalismo pola USC. Gañou o Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais en 2019 con A sombra das árbores (Editorial Galaxia). En 2020 a súa peza Palabra foi seleccionada para participar no certame Metro Cadrado do FIOT e a súa peza Mulleres que bailan na néboa foi escollida para participar no III Festival de Pezas dun Teatro do Porvir, convocado pola sección de literatura dramática da AELG. Ten varios textos teatrais breves publicados en volumes colectivos: Soños de cinza, en DramaturGA 20: 11 textos breves, de DramaturGA, en Ediciones Invasoras; e Manos, en Sen(o)fobia, tamén en Invasoras.  Actualmente leva a sección de artes escénicas do Diario Cultural Zeta, na Radio Galega, e é a subdirectora da erregueté. Tamén publica artigos especializados en artes escénicas e exerce a crítica e a análise de espectáculos en diferentes medios. Ademais, é doutoranda en Comunicación na UVigo e desenvolve a súa investigación no eido da teoría e da práctica teatral.

O Certame Microteatro da Memoria naceu en novembro do pasado ano coa fin de estimular a escrita de pezas teatrais breves cuxo eixe temático sexa a memoria histórica. Ana Abad de Larriva recibirá 500 € en concepto de premio e a súa obra, Un biolo na noite, poderá escenificarse no ámbito académico durante os doce meses seguintes desde a resolución do xurado.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Electra Companhia do Chapitô

Electra

Auditorio Municipal de Vigo

Vigo presenta a súa programación de espectáculos con dobres funcións como novidade