in

Unha tradución de ‘Terra baixa’ que compracería a Àngel Guimerà

Guimerà, Àngel, ‘Terra baixa’. Traducido do catalán por Afonso Becerra de Becerreá, Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2024.

Capa do libro de Edicións Laiovento, co deseño de Pepe Carreiro.
Capa do libro de Edicións Laiovento, co deseño de Pepe Carreiro.

A tradución de Afonso Becerra é a primeira de Terra baixa  que se edita nunha lingua do Estado español que non sexa o castelán. Unha cuestión que viría a compensar a anomalía histórica que foi implicando o pouco ou o nulo recoñecemento cara á diversidade lingüística que, malia loables excepcións, se tornou crónico.

Afonso Becerra é un profesional da didáctica e a difusión das artes escénicas nos medios de Galiza, moi sensibilizado pola dramaturxia catalá. Formado en Cataluña, licenciouse en Dirección de escena e dramaturxia no Institut del Teatre de Barcelona e en 2016 defendeu a tese doutoral O Ritmo na dramaturxia. Teoría e práctica no Departamento de Filoloxía Catalá da Universitat Autònoma de Barcelona, a primeira tese lida en galego e catalán. Desde entón traduciu obras de literatura dramática catalá contemporánea: dúas de Lluïsa Cunillé e tres de Josep Maria Miró, que se engadiron a outras traducións de obras de dramaturgos cataláns contemporáneos que el mesmo levou a termo con anterioridade.

Pero o nome de Afonso Becerra non o encontramos nos dicionarios de tradutores do catalán. Se este profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galiza, con diversos premios internacionais no seu currículum, froito dun rigoroso traballo como investigador e divulgador das artes escénicas, escribise en alemán ou en francés do Quebec, quizais gozaría dun merecido recoñecemento por parte das institucións culturais e académicas catalás que, ao meu entender, debería ter. Afonso Becerra escribe e exprésase en galego, unha lingua aínda máis minorizada que a catalá que hoxe en día utiliza só un un por cen dos profesionais da xudicatura, por poñer un exemplo que evidencia unha situación alarmante. O cal incrementa aínda máis o valor desta tradución posta en contexto.

A tradución de Terra baixa ao galego de Afonso Becerra é, sen ambaxes, excelente. Recomendable até para aquelas persoas que, non sendo coñecedoras en profundidade do galego, como eu mesmo, a partir da súa lectura se aventurasen a vivir unha experiencia que os conduciría a pensar que a obra de Guimerà podería ter sido escrita nunha lingua que a fai tan verosímil como a empregada no orixinal.


Publicidade

Unha das particularidades léxicas da tradución de Becerra encóntrase na tradución dos castelanismos que se mantiveron nas diversas edicións de Terra baixa, como, por exemplo, malandando, letxuguino e currutaco  que atopamos nas escenas VI e VII do primeiro acto. E que o tradutor opta por traducir cos termos “infeliz”, “esculfurido” e “dandi”. Uns termos que darían xogo á hora de analizar as diversas solucións que se teñen achegado nas traducións da obra en diversas linguas. No caso da tradución de Echegaray, por exemplo, optouse por suprimir o primeiro termo.

No prólogo á edición, Afonso Becerra traslada un agradecemento especial ao seu sobriño Roi. Como se se tratase dunha lectura dramatizada, un adolescente de catorce anos le a tradución en voz alta mentres o tío a escoita atentamente, seguindo o texto orixinal de Terra baixa a partir da edición que utilizou Anton Carbonell para Edicions 62. A lectura avanza fluidamente: porque Roi, “alén de todo o ruído tecnolóxico e dixital que nos desconecta da terra, ao pouco de comezar a lectura, é absorbido por esta peza teatral”. O tío non pode evitar confesar, con sorpresa, que unha vez acabada a lectura “desfrutei de observar algunhas reaccións sutís na súa cara e nas inflexións vocais, a medida que se adentraba neste drama” (p.14). Agora que temos unha proba fidedigna de que o texto funciona entre o público novo só habería que esperar que o sistema educativo galego incorporase a súa lectura para reforzar unha necesaria ponte de diálogo entre as culturas catalá e galega. E que un público máis amplo tamén desfrutase de ver a versión de Terra baixa en galego representada enriba dun escenario de aquí e de alá.

Joan Martori

Joan Martori

É licenciado en Filoloxía Catalá (UB) e graduado en Teoría e Crítica do Teatro (IT-UAB). Publicou diferentes traballos sobre a figura e a obra de Àngel Guimerà, entre os cales, dúas monografías: La projecció d’Àngel Guimerà a Madrid (1891-1924) (1995) e Àngel Guimerà a Buenos Aires. Arrelament i internacionalització (2024). O seu estudo Vuit paròdies del teatre d’Àngel Guimerà. Text i context teatral foi galardoado co Premio Teresa Cunillé 2021.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MIT Ribadavia 2025

A MIT de Ribadavia presenta o cartel e os primeiros nomes da súa 41ª edición

Foto da presentación da 13ª edición do Festival Atlántica. Foto de Miguel Muñiz.

O Festival Atlántica desvela o programa da súa 13ª edición