Crítica

Siena

Un ollo para unha teoría óptica

| Manuel Xestoso |

Siena
Foto: Natasha Lelenco / MIT Ribadavia

 

Siena fala de moitas cousas pero, sobre todo, fala de dúas: do corpo e da mirada. O ollo é quen ordena o cosmos, o que lle asigna un lugar aos obxectos e, por extensión, ao suxeito que mira. Mais a mirada está adestrada dun xeito específico e, en consecuencia, vertebra a experiencia segundo uns patróns culturais que organizan o universo dunha forma determinada. O espectáculo de La Veronal traballa sobre a certeza de que a mirada moderna é unha creación do Humanismo e indaga sobre as consecuencias provocadas por esa visión do mundo, sobre a súa vixencia, sobre os problemas ante os que nos coloca.

Hai un esbozo de trama, máis suxerida que narrada. Unha muller entra nun museo para refuxiarse da chuvia e, contemplando a Venus de Urbino –que preside a escena durante a maior parte da representación–, atópase de súpeto nunha especie de misterioso bucle: tropeza ruidosamente nun banco da sala, o seu móbil soa, un home obsérvaa mentres contempla o cadro de Tiziano, un can ladra ao lonxe. A atmosfera creada evoca os filmes de David Lynch, a súa peculiar mestura de onirismo, enigma e violencia contida. Nada se fai explícito e, non obstante, a combinación de texto e danza desencadea unha ilimitada restra de suxestións, e unha fecunda sucesión de impresións e referencias cuestiona os alicerces da cultura europea.

O Renacemento, a través da perspectiva, colocou o punto de fuga –arredor do cal o cadro adquire coherencia– á altura do ollo do ser humano: liberouse así da tiranía de Deus. Pero a idealización do corpo xerada por esa teoría da percepción ten efectos perversos: podería ser a historia da cultura unha fantasía erótica masculina? Ou aínda peor: esa estetización, levada ao extremo, non converxe nun pesadelo fascista? A banda sonora de Siena inclúe, por un momento, a amálgama das voces de Mussolini e Berlusconi deixando a pregunta no aire.

A psicanálise tamén está presente: a mirada é desexo, mais tamén implica desexar ser desexado. A muller que mira o cadro é transportada de súpeto ao lugar do obxecto, ao interior do cadro. E, así, mirándose a si mesma, descóbrese como protagonista. E hai tamén agres indicacións de como a experiencia estética se banaliza nun mercado en que os carros da compra invaden o museo.

Os pequenos incidentes da estancia da muller nesa galería de arte son interpretados, reelaborados, repetidos e remodelados polos bailaríns. A frenética coreografía de Marcos Morau apela a unha aséptica linguaxe de movementos mecánicos e espasmódicos que reproducen fugazmente formas do Greco, de Matisse, de Mantegna, da Escola de Fontainebleu… e crucifixións, pantocrátores, anunciacións. Son corpos desconxuntados que xa pertencen a outra época, a nosa: corpos traspasados polo maquinismo cuxo aceno dislocado, non obstante, pode atoparse xa nalgunhas virxes de Simone Martini, un dos grandes representantes –precisamente– da escola de Siena.

A excepcional destreza dos bailaríns –xunto coa pulcritude plástica e sonora– conduce admirablemente a función insinuando que, malia todo, o corpo humano segue a ser un instrumento realmente fermoso e admirable. As teorías ópticas mudan e a nosa mirada se transforma. Pero saímos coa certeza dun corpo capaz de crear un espectáculo tan fascinante e inspirado coma este.

 

Siena de La Veronal
Compañía: La Veronal
Dirección: Marcos Morau
Coreografía: Marcos Morau en colaboración cos intérpretes
Texto e Dramaturxia: Pablo Gisbert – El Conde de Torrefiel e Roberto Fratini
Asistente de dirección: Tanya Beyeler
Elenco: Tanya Beyeler, Laia Duran, Cristina Goñi, Giacomo Todeschi, Ariadna Montfort, Lorena Nogal, Lautaro Reyes, Manuel Rodríguez, Marina Rodríguez e Sau-Ching Wong
Espazo escénico e deseño de iluminación: La Veronal & Enric Planas
Vestiario: Octavia Malette
Voz en off: Victoria Macarte e Benjamin Nathan Serio

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 18 de xullo de 2015.

 

 

 

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!