in

Fräulein Julie

frauleinjulie1 |

Mirada aumentada

| Vanesa M. Sotelo |

frauleinjulie
Foto: Thomas Aurin

 

“A vida non é tan matematicamente idiota como para que só os grandes coman os pequenos, senón que tamén ocorre, coa mesma frecuencia, que a abella mate o león ou, polo menos, faga que o león enlouqueza”. Esta é unha das reflexións que escribe Strindberg no prólogo da súa traxedia naturalista Fröken Julie (Señorita Xulia); tamén é unha das ideas que percorren a adaptación escénica que fai a británica Katie Mitchell para a Schaubühne presentada no Teatro Municipal Joaquim Benite durante o Festival de Almada.

Para compartir a súa mirada sobre o clásico sueco, Mitchell colabora co realizador Leo Warner con quen, nunha dramaturxia entre a escena e o cine, desprega unha coreografía de virtuosismo técnico que non deixa pasar desapercibido o punto de vista que escolle para abordar a peza: o ollar de Cristina, a criada. Deste xeito, a proposta rescata a figura do pequeno –a muller e a criada- para centrar sobre ela o peso da realidade desta historia que se move entre o conflito de clases e sexos, entre a vixilia e o soño. Katie Mitchell reescribe a Cristina respectando a esencia da peza. Rescata á criada do plano secundario que lle reservara o autor para un primeirísimo primeiro plano sutil, contido e cargado de elementos simbólicos, poéticos e oníricos: os soños non están só reservados para a aristócrata e o home. Ela, a muller, a criada, a que resiste sen concesións, tamén soña, sente e, sobre todo, continúa con vida.

“Nun drama psicolóxico moderno no que as máis sutís reaccións da alma deben reflectirse no rostro e non manifestarse con xestos grandilocuentes (…) pagaría a pena experimentar cunha luz potente a ambos lados dun escenario pequeno e con actores sen maquillaxe ou, polo menos, co mínimo posible”. Tamén son algunhas notas das que en 1888 aportaba o autor na súa concepción da peza, reclamando novas fórmulas e novas formas de presentar historia e personaxes. Dalgunha forma, Mitchell recolle esta petición e, coa premisa da construción dun filme en directo, opta por introducir a linguaxe audiovisual para aumentar os detalles, o mínimo, o interno e o pequeno. Así, durante unha hora e cuarto, o público percorre con Cristine á caída da señorita Xulia e do criado Jean ao tempo que asiste á creación da espontaneidade a partir dunha partitura de movementos e accións perfectamente definida e sincronizada.

Achegarse á Fräulein Julie de Katie Mitchell e Leo Warner é atoparse ante unha metáfora da manipulación escénica, da construción do artificio canalizado a través da gran pantalla. Neste caso, dúas actrices son precisas para construír os diferentes planos de Cristina; dous técnicos de foley constrúen o son dos pasos dos personaxes e amplifican o espazo sonoro da peza, en convivencia con música en directo; varios operadores de cámara captan os detalles interpretativos e as variacións de iluminación que outros propoñen mentres se realiza a montaxe en directo e os intérpretes pasan a transformarse en operadores técnicos nunha danza de gran concentración e precisión onde público debe escoller onde mirar: entre o resultado e o proceso.


Publicidade

 

Fräulein Julie de August Strindberg
Compañía: Schaubühne am Lehniner Platz
Dirección: Katie Mitchell e Leo Warner
Elenco: Cathlen Gawlich, Jule Böwe, Luise Wolfram, Tilman Straub
Operación de cámaras: Andreas Hartmann, Krzysztof Honowski
Son ao vivo: Laura Sundermann, Lisa Guth
Violoncello: Gabriella Strümpel
Dramaturxia: Maja Zade
Escenografía e figurinos: Alex Eales
Deseño de luz: Philip Gladwell
Deseño de son: Adrienne Quartly, Gareth Fry

Festival de Almada. Teatro Municipal Joaquim Benite, Almada. 14 de xullo de 2015.

 

 

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

britanico |

Britânico

siena1 |

Siena