in

Liliom

LILIOMPascal Victor |

Mirada compasiva

| Manuel Xestoso |
| Foto: Pascal Victor |

 

Hai un tipo de heroe que combina o estigma da brecha social co malditismo do nihilista. Un heroe moi celebrado polos franceses que contribuíron a transformar en mito algúns deses personaxes extraídos dos subterráneos da sociedade e que transitan pola estreita fronteira que separa a poesía da delincuencia: o Querelle de Fassbinder ou o Roberto Zucco de Koltés pertencen a esa estirpe. Pero xa antes Ferenc Molnár escribira este Liliom, que combina o lirismo e a ferocidade para refutar a orde máis sagrada da burguesía, a do traballo e o diñeiro.

Existe tamén unha tradición francesa que retrata a pé de obra ese mundo marxinal dotándoo dunhas cores pastel que o idealiza e o dignifica ao mesmo tempo. Un mundo onde resoan as melodías das festas populares pintadas por Renoir ou os circos imposibles do Picasso da etapa rosa.

Publicidade

O Liliom de Jean Bellorini cabalga entre ambas tradicións buscando un punto de encontro. O director refúxiase nun espazo de soño –unha feira, coa súa noria e a súa pista de autos de choque, flanqueada polas autocaravanas dos feirantes– que redunda no onírico e que, non obstante, permite observar as dúas caras da diversión: a que ve o público e a que permanece oculta, o pasatempo amable e a cotidianeidade miserable dos que ofertan o entretemento.

Por esa banda é por onde a montaxe se achega mellor ao seu obxectivo: mostrar non tanto o conflito social como o material humano onde se produce. A incapacidade para comunicar emocións que provoca a violencia aflora dende ese escenario engaiolante que ilumina e esmaga aos personaxes. Reducidos a un modo de expresión elemental e instintivo precisan do ruído das atraccións para non enfrontarse cuns sentimentos que non saben como xestionar. O drama duns seres de existencia impedida pola circunstancia permanece no fondo dun relato no que se alían o romántico e o cómico para disimular a inxenuidade.

Bellorini carga máis nas tintas pastel que nas sombras do submundo. A súa posta en escena inclínase máis ao melodramático que á denuncia e iso reduce un chisco a eficacia do seu discurso. E, malia todo, a función non perde interese en ningún momento, apoiada en incursións no burlesque, no cabaré ou no slapstick e nun tratamento coral dos personaxes secundarios que reitera a mirada compasiva con que se contempla a trama.

A historia transfórmase así nunha estraña fábula sentimental contada dende a distancia brechtiana: unha especie de traxedia popular que invita ao público a escarvar nas motivacións dos seus desclasados heroes, edulcorando a ferida pero proxectándoa nunha dimensión soñadora que a dota dun singular atractivo e que confirma o interese xerado arredor deste director.

 

Liliom ou la vie et la mort d’un vaurien de Ferenc Molnár

Dirección: Jean Bellorini
Elenco: Julien Bouanich, Amandine Calsat, Delphine Cottu, Jacques Hadjaje, Clara Mayer, Julien Cigana, Teddy Melis, Marc Plas, Lidwine de Royer Dupré, Hugo Sablic, Sébastien Trouvé, Damien Vigouroux.
Escenografía e iluminación: Jean Bellorini.
Música: Jean Bellorini, Lidwine de Royer Dupré, Hugo Sablic, Sébastien Trouvé
Vestiario: Laurianne Scimemi
Maqullaxe: Laurence Aué

Festival de Almada. Teatro Municipal Joaquim Bente. 10 de xullo de 2018.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Paraisopintado |

Paraíso Pintado

Contiguo1 |

Oleiros acolle o II Festival de Artes Escénicas na Rúa esta fin de semana