No confín de… Andrés Giráldez

Titiriteiro e actor. Membro fundador de Tanxarina Títeres xunto a Miguel Borines e Tatán R. Cunha. Esta compañía redondelá, cunha traxectoria de máis de trinta anos, é unha institución no teatro de monicreques en Galicia e no resto do estado, ademais de encargarse da dirección artística do Festival Internacional de Títeres da súa vila. A galiña azul, Titiricircus, Trogloditas ou A casa do avó son algúns dos seus espectáculos máis destacados.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Hai un libro do que boto man continuamente. Leva por título Cuando el mundo era joven todavía e está escrito por Jürg Schubiger. Está cheo de pequenas historias tan absurdas como surrealistas e plasma moi ben esa necesidade que temos, ás veces, de darlle volta ás cousas para poder entender mellor este mundo.

Pero teño que recoñecer que enriba da mesa de noite teño, desde hai moitos anos, un libro: Podes deixar de fumar, se sabes como. Pero non son quen de empezar a lelo.

A túa banda sonora destes días.

Unha peza interpretada por Áureas e Paco Barreiro, composta por este último para A galiña azul, o noso último espectáculo dirixido por Cándido Pazó. Non ten título definido, pero eu adoito chamalo Pasodobre da felicidade.

Esa é a música que poño de fondo cando, cada tarde, saio ó balcón da miña casa e fago un pregón rimado para toda a veciñanza. É a miña maneira de entreter á xente durante un rato e facerlles máis aturábel este pechamento.

O último filme que te impresionou.

O outro día volvín ver Big Fish, unha película dirixida por Tim Burton e escrita por John August, inspirada na novela de Daniel Wallace. Penso que esa película ten moito que ver co noso oficio. Porque nós, igual que fai o protagonista, tamén creamos historias que poden parecer fantásticas, pero dalgunha maneira pódense converter en reais. Ao fin e ao cabo, alguén sabe onde está a fronteira entre o real e o imaxinario?

Pois se alguén o sabe, por favor que non me dea a resposta.

A obra de arte na que te perderías agora.

Sen dúbida, no cadro O xardín das delicias de El Bosco. Agora mesmo estaría igual de ben en calquera dos tres paneis: no paraíso, na luxuria ou no inferno. O caso é saír da casa.

A peza que che gustaría facer.

Estaría encantado de facer unha adaptación para monicreques da novela Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar de Luis Sepúlveda, que tristemente nos deixou este pasado xoves 16 de abril. Unha persoa que tería cabida en todas as preguntas desta entrevista. Escritor, cineasta, contador de historias, solidario e comprometido cos máis pobres e necesitados.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Estaría encantado de tomar unhas cañas con Castelao. Esa figura tan comprometida con Galiza, coa súa cultura e a súa xente. Gran humorista, debuxante, contador de historias, dramaturgo… Teño moito que aprender del.

Se non foses titiriteiro, serías…

Polo meu gusto á navegación, e pola ansia de aventura, supoño que sería pirata. Pero non un capitán pirata, iso leva moita responsabilidade. Conformaríame con ser un grumetiño pirata. Aínda que ben pensado, os grumetiños estaban moi explotados e chovíanlles tundas por todos lados. Digamos que podería ser un polisón nun barco pirata, por exemplo.

Deixar unha resposta