| Afonso Becerra de Becerreá |
| Deseño da capa: Antón Pulido Novoa |
Esta revista non é miña, é nosa. De todas as persoas que gostan das artes escénicas. Comeza unha nova etapa para unha revista que xa podemos considerar histórica no noso contexto cultural. Trinta e sete anos e 100 números non é unha broma, é unha mostra de resistencia e, sobre todo, de amor.
A danza, as artes circenses, o teatro de títeres e obxectos, a ópera, a performance, o teatro de texto, o teatro físico, o teatro musical, as teatralidades posdramáticas e toda esa infinda conxuganción das artes vivas, precisa un espazo no que fiquen rastros dos procesos e da experiencia compartida. A natureza efémera das artes escénicas clama por ese espazo de memoria, de reflexión, de produción de pensamento ao seu redor. Pero é imprescindible que se trate dun espazo aberto, plural e comunitario.
Tócame dirixir a Revista Galega de Teatro | erregueté xunto a Ana Abad de Larriva, a subdirectora, pero nólos dous non somos a erregueté, só imos intentar darlle unha dirección, un sentido. A erregueté tampouco é a equipa que coordina a súa edición dixital, formada por Ernesto Is, Javier Lojo, Iván Fernández e a propia Ana Abad, nin as persoas do Consello de Redacción e o Consello Editorial. A erregueté temos que ser, ou mellor dito, estar todas as persoas que gostamos das artes escénicas, os teatros públicos, as salas de teatro independentes, as compañías, as empresas de produción e distribución, as institucións públicas con competencias en materia de cultura, desde a AGADIC e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, até os Servizos ou Departamentos de Cultura das Deputacións Provinciais, pasando polas Concellarías de Cultura e incluso polos centros de educación e as universidades. Trátase dunha revista de artes escénicas, na súa edición dixital www.erreguete.gal e na súa edición en papel, con dous números anuais, un por cada semestre, que van incluír dúas pezas de teatro en cada número.
Queremos reforzar o espazo de pensamento, reflexión e difusión sobre algunhas modalidades escénicas minorizadas na nosa contorna, como é o caso da danza contemporánea e das artes circenses, os títeres e o teatro de figuras, tamén o do teatro contemporáneo fincado no amplo espectro das dramaturxias posdramáticas.
Na actualidade estamos nun momento de transición logo do annus horribilis 2020. A nova equipa directiva encontrámonos a revista nunha situación bastante delicada, a nivel de xestión, coa meirande parte das subscricións dos anos 2019 e 2020 sen cobrar, aínda que os exemplares da revista, correspondentes a estes dous anos, xa foron enviados. Por iso vos pedimos axuda e comprensión para irmos arranxando a situación actual. É importante resaltar que a erregueté vén a ser como unha organización filantrópica, na que ninguén cobra. Por tanto, estamos ofrecendo o noso tempo libre para que este proxecto siga adiante e para que as artes escénicas sigan a ter o seu espazo de referencia.
A erregueté leva uns anos na corda frouxa, sobrevivindo con recursos escasos, por iso fago un chamamento directo aos teatros públicos dos Concellos de Galiza e do norte de Portugal, para que nos axuden a seguir sendo o medio de referencia, coa inclusión de publicidade das súas programacións. Fago un chamamento directo á AGADIC e ás súas unidades de producción, CDG e CCG, para establecer un convenio coa erregueté que a dote dos recursos necesarios para non seguir estando na corda frouxa; ao fin e ao cabo, entre os obxectivos da AGADIC está o fomento e a divulgación das artes escénicas e esa é a función que está a desenvolver a erregueté. Agora mesmo, de feito, esta é a única revista de artes escénicas de Galiza. Do mesmo xeito fago un chamamento directo aos Servizos de Cultura das catro Deputacións Provinciais e ás compañías e outras empresas do sector: apoiar a Revista Galega de Teatro equivale a robustecer, ampliar e prestixiar o noso sector e, por extensión, o da cultura. Por iso todas as persoas interesadas na cultura estades convidadas non só a subscribirvos gratuitamente ao boletín dixital, senón tamén á edición en papel, que só custa 20 € anuais.
Pois iso, velaquí tedes a nosa revista, túa e miña, a de todes.