Cando o teatro infantil respecta ao seu público
É ben gustoso sentar na butaca e desfrutar dun infantil onde non tratan á cativada con excesiva condescendencia. Algo que poucas veces ocorre nas funcións para os máis pequenos é esa certeza de que non van infravalorar ao seu público, deixando oco non só á imaxinación senón a que poidan comprender linguaxes e palabras que nunca viron ou escoitaron.
Isto, o de respectar ao seu público, é o que ocorre en Rosalía. A montaxe de Culturactiva, interpretada por Cristina Collazo e Rocío González, con dirección de Fina Calleja, consegue romper coa visión choromiqueira da popular poeta iriense. O texto de Nate Borrajo, cheo de riqueza léxica e coa xusta dose de poesía, achéganos a infancia máis viva de Rosalía de Castro. Un momento no que se enfronta ao conflito que sinte ao abandonar a aldea para ir vivir coa súa nai despois de anos baixo a tutela das súas tías paternas.
Se sempre é un pracer ver en escena a Rocío González, nesta ocasión, a unión con Cristina Collazo fai que o texto flúa, que as accións gañen forza e que non caía o ritmo nin un instante durante os corenta minutos de representación. Conseguen que un tema tan manido coma a vida de Rosalía (ou calquera outro poeta dos nosos clásicos) non aburra. Conectan coa cativada mantendo a enerxía e o espírito de xogo que aporta o teatro, o que é un acerto por parte da dirección.
O espazo escénico é sinxelo e monocromo, afástase das cores vivas das que tanto nos ten acostumado este xénero. Adolece de practicidade agás polo emprego dun armario que funciona ás veces de acubillo da pequena Rosalía e por un par de cadeiras que serven non só para sentar.
En definitiva, unha peza que trata ao seu público, aos rapaces e rapazas de primaria, coma o que son: nenos e nenas con capacidade para pensar e imaxinar. Unha proposta sinxela na que a interpretación das actrices é o seu máximo aliciente para sentar e gozar ou, neste caso, ver a través de Internet grazas ao programa Prendendo Butacas na casa da Deputación de Pontevedra.