A Área de Cultura da Deputación da Coruña convoca unha nova edición do prestixioso galardón coa intención de incentivar a creación literaria en lingua galega no eido teatral. Establécese un premio dotado de 6500 €, ademais de asegurar a edición e garantir a montaxe do texto.
O Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais chega á súa vixésima edición. A Área de Cultura da Deputación da Coruña fixo públicas as bases dun dos certames de dramaturxia máis importantes de Galicia. Os obxectivos principais do Premio Rafael Dieste son incentivar a escrita dramática en galego a través da edición da peza gañadora, así como garantir a montaxe profesional do texto por medio dun concurso público aberto para calquera compañía escénica de Galicia.
A última edición do Premio Rafael Dieste recaeu en Fernando Castro Paredes coa peza Amorodo agre. A listaxe de dramaturgas e dramaturgos que acadaron o Dieste está formada por algunhas das voces máis interesantes da escrita dramática galega das últimas décadas: Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo, Teresa Moure, Xesús Pisón, Inma António, Roberto Salgueiro, Ernesto Is, Raúl Dans, Xavier Lama, Miguel Sande, Gustavo Pernas Cora, Santiago Cortegoso, Xosé Manuel Pacho, Zé Paredes ou Manuel Guede.