A compañía compostelá, dirixida por Marta Pazos, presentará o seu terceiro Shakespeare no teatro madrileño desde o 15 de maio ao 6 de xuño. A montaxe, coproducida pola Abadía, a MIT de Ribadavia, o Teatro Nacional São João de Porto e Voadora, chegará a Galicia este verán.
Tras A tempestade e O soño dunha noite de verán, Othello será o terceiro Shakespeare na traxectoria de Voadora. A compañía, dirixida por Marta Pazos, regresa ao madrileño Teatro de La Abadía, o cal coproduce a peza xunto á MIT de Ribadavia, o Teatro Nacional São João de Porto e Voadora. Nesta adaptación do clásico asinada polo dramaturgo Fernando Epelde, a compañía compostelá ofrece unha versión transgresora e atravesada pola posverdade e as violencias machistas, sen renunciar á hibridación de linguaxes e á plástica, selo de identidade das montaxes de Pazos.
O espectáculo pretende poñer o foco nos personaxes femininos da traxedia, segundo indican desde Voadora. “Desde a súa estrea, Othello contou con múltiples interpretacións, dando lugar a numerosas percepcións culturais, tanto de raza como de xénero. Desde Voadora queriamos facer unha adaptación que nos permitise pasar tempo no universo das mulleres e abrir un espazo para elas”, di Pazos. A partir do texto, a compañía plantea un debate arredor de cuestións como a contrución do xénero ou a identidade, a percepción individual ou a conformación e estrutura do sistema patriarcal. Para isto, despoxa aos pesonaxes da súa pel e xénero, coa intención de conectar “coa súa esencia máis pura e o seu profundo conflito”.
Marta Pazos propón nesta adaptación do clásico atacar a crueza de Othello desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o público e o íntimo. A directora utiliza a comedia como xenerador do seu discurso. “A comedia é implacable. É o espazo para dicir a verdade máis rotunda”, asegura Pazos. A directora lembra que, na peza, unha muller morre asasinada nunha acotación. “Queremos detener o tempo xusto na liña ‘Non hai tempo, é tarde (Estrangúlaa)’ e volver sobre os pasos da historia para entender como chegamos aí”.
A montaxe de Voadora nace dun lugar periférico, “desde o que investigamos os patróns de conduta machista do texto orixinal”, sinala Pazos. Durante o confinamento de 2020, a compañía realizou unha investigación profunda sobre as violencias machistas, as relacións de poder e a presenza das novas falsas (fake news) na vida cotiá. Ao longo de distintas sesións, Voadora compartiu experiencias tanto con axentes do ámbito da comunicación como de cuestións de xénero: educadoras sociais, traballadoras da liña 016 ou terapeutas, entre outras.
O resultado poderá verse, a partir do 15 de maio e ata o 6 de xuño, nas táboas do Teatro de La Abadía. En Galicia aínda teremos que esperar ata o mes de xullo, cando este Othello de Voadora chegue á MIT de Ribadavia.
Sinopse
Tras casar en segredo con Desdémona -filla do senador de Venecia- Othello, un capitán de gran talento militar, é nomeado rexedor en Chipre. Iago, alférez de Othello, moverá ao seu antollo as inseguridades e os fiumes do seu superior, tecendo con fíos raciais e de xénero unha perigosa arañeira na que logrará atrapar a todos os personaxes da obra.
Ficha artística e técnica
Dirección: Marta Pazos
Texto: William Shakespeare
Versión: Fernando Epelde
Reparto: Joaquín Abella, Ángel Burgos, Ana Esmith, Chumo Mata, Mari Paz Sayago, Hugo Torres
Iluminación: Nuno Meira
Espazo escénico: Marta Pazos
Vestiario: Silvia Delagneau
Música orixinal: Hugo Torres
Coreografía: María Cabeza de Vaca
Traballo de palabra: Miguel Cubero
Axudante de dirección: Lucía Díaz-Tejeiro
Asistente de escenografía: Pablo Chaves
Asistencia de produción: Vicente Conde
Jefa de produción: Montse Triola
Produción artística: José Díaz
Una produción Voadora en coprodución co Teatro de La Abadía, MIT Ribadavia, Teatro Nacional São João. Co apoio de Iberescena e AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) e da Conselleria de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia