A Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia clausurou onte a súa 39ª edición, na que aumentou nun 34 % a recadación de ingresos por venda de entradas con respecto ao ano anterior, segundo informaron dende a organización do festival. Ademais de poñer en valor ese éxito de público, a MIT vén de dar a coñecer que o Premio do Público é para As que limpan, de A Panadaría, peza seguida moi de preto por Fuck Me, de Marina Otero, nas valoracións; e que o Premio Abrente de Textos Teatrais desta edición é para a actriz Nerea Brey, que obtén o recoñecemento pola súa primeira obra, Manual de Patronaxe.
Ao remate da edición, a organización do festival quixo facer un balance destes 9 días de programación. Por unha banda, explicou que ese aumento na recadación de ingresos por venda de entradas supón “non só recuperar os datos pre-pandemia, senón melloralos e apuntar cara a unha necesidade de crecemento sostible do festival”. Engadiu tamén ao respecto que “mentres as axudas públicas están estancadas, especialmente as da Xunta de Galicia, que non se incrementan dende hai máis de 10 anos, a subida de prezos de todos os gastos que ten que afrontar o festival verase compensada polo forte incremento da venda de entradas e o apoio rotundo do público”.
Por outra banda, quixo facer fincapé na repercusión da mostra na economía local, así como na variedade de propostas que acolleu a programación ao logo destes últimos nove días. Alén do éxito na acollida dos espectáculos nas diferentes localidades establecidas ou de actividades “moi valiosas para o fomento da actividade teatral”, como as Xornadas do teatro Galego da Transición, en colaboración co Consello da Cultura Galega, a mostra seguiu apostando por impulsar a dramaturxia galega actual, coa convocatoria do 18º Premio Abrente de textos teatrais, que vén de fallarse.
18º Premio Abrente de Textos Teatrais
O xurado do 18º Premio Abrente de Textos Teatrais, composto por Rocío González, Ana Abad de Larriva, Lois Blanco e Roberto Pascual, que actuou como secretario con vos pero sen voto, acordou onte por unanimidade decretar como gañador o texto titulado Manual de patronaxe, presentado co pseudónimo “Singer Verde”, destacando del o seguinte:
“Trátase dunha obra con aparencia e ferramentas da autoficción, ben elaborada, estruturada e coherente, que contén o equilibrio e capacidade necesarias para enfiar con atino o íntimo co profesional, entre dous planos que conforman un suxerente diálogo interxeracional. A obra mestura temas universais como a perda e a busca da identidade, o amor e os xogos ou tarefas da costura, que lle serven para enlazar este oficio co universo da escrita. A autora amosa a capacidade para elaborar unha obra aparentemente sinxela pero con potencia para emocionar, grazas ás capas de verdade e honestidade coas que se manexa para a recepción co público actual”.
Ao abriren a plica, o texto resultou ser da autoría de Nerea Brey, nada en Lalín en 1987; que é actriz, docente de Arte Dramática e creadora escénica, licenciada en Xornalismo e titulada pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.