in , ,

O festival Castelo Conta celebra a súa oitava edición

Desenvolverase entre o 21 e o 27 de agosto en Culleredo

Castelo Conta
Presentación da oitava edición do Castelo Conta

A cullerdense parroquia de Castelo acollerá do 21 ao 27 de agosto a VIII edición do festival Castelo Conta. O director do festival, Xosé A. Touriñán, avanzou a programación desta nova edición nun acto celebrado a semana pasada e ao que asistiron a Concelleira de Cultura do Concello de Culleredo, Penélope López; Natividade González, en representación da Deputación da Coruña e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; así como representantes das empresas patrocinadoras do festival, Estrella Galicia e Deleite.

Touriñán quixo dar as grazas aos veciños e veciñas que fan a posible a organización do festival así como as empresas e administracións que participan ano tras ano apoiando un proxecto xa consolidado no calendario de festivais de Galicia. Penñelope López, Concelleira de Cultura do Concello de Culleredo agradeceu tamén ás administracións e empresas que colaboran co Castelo Conta e remarcou o compromiso do Concello coa celebración dun festival que pon en valor o rural e fai partícipes a toda a súa veciñanza. Pola súa banda, a deputada provicial Natividade González remarcou que o Castelo Conta é un festival de referencia que mestura a cultura, a asociación veciñal e conta con carteis de primeiro nivel ano tras ano e unha gran organización. Pechou o acto o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen destacou a súa sorpresa cando descubriu o Castelo Conta, un festival “dos que paga a pena apoiar”, que pon en valor a cultura de Galicia e é capaz de unir á veciñanza e as diferentes Administracións.

Como adiantou Xosé A. Touriñán, a programación desde ano mantén actividades habituais, como o Día Grande do Castelo Conta. Esta xornada celebrarase o sábado 26 de agosto cunha andaina polo Monte Xalo, que rematará no alto, cun concerto de Abraham Cupeiro e a Noite dos Monólogos, conducida polo propio humorista. Este espectáculo reunirá a cómicos e cómicas do panorama galego como Pepo Suevos, David Amor, David Perdomo, Lucía Veiga, Marita Martínez, Rober Bodegas e Noemi Rodríguez. Noemi Rodríguez tamén impartirá un obradoiro para poñer en marcha un proxecto escénico.

A música virá da man de artistas e grupos como Xabier Díaz, Susana Seivane, Belém Tajes, Familia Caamagno, Combo Viramundo, Muchachito e Lamatumbá, entre outros. Así mesmo, Castelo tamén acollerá espectáculos de humor como Corentena, de David Perdomo e Touriñán, narración oral co poeta Celso Sanmartín ou a estrea da curtametraxe Nena.


Publicidade

Os Contos de Castelo, encontros nos que os veciños e veciñas máis maiores comparten as súas historias e recordos, celebraranse de luns a venres. Cada tarde durante o festival, será a xente maior quen tome a palabra neste espazo que adoptará o formato radiofónico. Así, os Contos de Castelo estarán conducidos por Carlos Blanco, David Amor, Moncho Viña, Alfonso Hermida, Nacho Carretero, Arturo Lezcano e Marga Pazos. A maiores, a artista Hadriana Casla dirixirá un proxecto audiovisual en Castelo centrado na memoria das veciñas máis maiores.

Pola súa banda, os máis pequenos e pequenas terán o seu propio espazo cada mañá coas actividades da Xente Miúda do Castelo Conta. O público infantil tamén poderá gozar da obra As minas do rei Salomón, de Teatro Ghazafelhos, e do concerto de A Gramola Gominola.

O Castelo Conta é unha iniciativa que conta co apoio dos veciños e veciñas de Castelo, o Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña, Agadic e Turismo de Galicia, co patrocinio de Deleite, Estrella Galicia e Bodegas Méndez Rojo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Nerea Brey reducida

‘As que limpan’, de A Panadaría, gaña o Premio do público da MIT de Ribadavia

'FRÁXIL handle with care' de Matarile. Imaxe de Álex Sobrino @alxsobrino.

FRÁXIL handle with care