in

Latente

latentepaulaquintana |

Presentes: intermitencias

| Vanesa M. Sotelo |

 

latentepaulaquintana |

 

Latente. Dise do estado de desenvolvemento suspendido que pode volverse activo en condicións favorables. Latente. Dise tamén do que existe sen manifestarse ou exteriorizarse. A palabra “latente” mantén tamén un xogo de proximidade coa francesa “l’attente”, que contén ao tempo espera e expectativa. Latente é o título do espectáculo de Paula Quintana no que, mesturando o solo textual e o solo de danza, a creadora canaria viaxa entre o mundo do subterráneo e o da superficie. Combinando emoción e razón, a poética do movemento e o prosaico do texto medido, a espera do corpo protagonista e a expectativa de quen o mira trasládannos a un mundo de desexos no que non acabamos de asegurar se a realidade é a que se nos ofrece ou a que soñamos.

O corpo de Paula Quintana entra en escena e colócase no medio da luz dun mundo novo. Nunha primeira parte da peza que poderiamos tomar como preludio, o corpo de Paula Quintana descobre un universo suspendido no que presenta os elementos da súa poética latente: mestura de técnicas, repensar a técnica ao servizo da imaxe, execución limpa e suxestiva, fragmentación, xustaposición de imaxes… Deste xeito constrúe un mundo primixenio que a espectadora vai reatopar ao longo da peza coa incógnita de desvelar se o que reaparece é a superficie afundida ou o fondo que emerxe.


Publicidade

Despois do primeiro escuro, o corpo de Paula Quintana entra en escena e colócase no medio da luz dun mundo novo cunha caixa entre as mans. O corpo de Paula Quintana anuncia que o espectáculo vai comezar. O corpo de Paula Quintana busca a Paula Quintana entre o público e constata que Paula Quintana tampouco asistiu esta vez. O corpo de Paula Quintana transfórmase nun corpo latente e expectante, un corpo que espera, un corpo que traduce desexos comúns, que esperta memorias comúns, que relata anécdotas comúns, que reitera rutinas comúns e late comunmente no imaxinario de quen mira a través do movemento preciso, a través da palabra medida, a través dunha rítmica relación coa mirada.

Entre a acción da palabra e a suxestión da danza, entre o movemento do texto e a acción do movemento, o corpo de Paula Quintana compón un espectáculo persoal, próximo e amable. A intérprete e coreógrafa habita un mundo asentado nas intermitencias no que a enerxía vital se combina co control da técnica. Entre o deber e o desexar, entre a imaxe que ofrecemos e a que gardamos, Latente envolve ao público nun xogo de distancias permitíndolle ás veces mergullarse na escena e, outras, navegar pola súa superficie; ás veces recoñecerse desde dentro e, outras, intuírse desde fóra. Nesa xustaposición entre o íntimo e o público, entre o ego e a alteridade, entre o poético e o cotián, con Latente asistimos a ese poder da danza para revisar o mundo propio; un poder ao que non debemos renunciar a visitar diariamente e asegurar que todos os días sexan días de danza.

 

Latente de Paula Quintana
Coreografía e interpretación: Paula Quintana.
Axudante dirección: Carlos Pedrós.
Texto: Carlos Pedrós.
Música orixinal e espazo sonoro: Juan Antonio Simarro.
Iluminación: Grace Morales.
Creación de atrezzo: Anatael, P. Ruiz Díez.
Deseño gráfico: Spectare, Laura Ortega e Paola Villegas.

Centro Cívico Cultural de Arteixo, 28 de abril de 2017.

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ballet 2042851 19201 |

Mensaxe Internacional do Día Internacional da Danza

rolda |

XVIII Festival Internacional de Títeres de Redondela